Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Acordanza do barro

No Museu de Olaría de Barcelos

Sala na que se mostra a cerámica do norte de Portugal. // Museu olarÍa

Barcelos, á beira do Câvado, é cidade con longa historia selada en monumentos e edificios, ademais de dar a Portugal o seu símbolo nacional, o famoso e colorido galo. Rúas de séculos, edificios señoriais, soares e igrexas conforman parte do seu nutrido patrimonio. E no casco histórico sitúase o seu Museu de Olaria, nun edificio do século XVIII -Casa dos Mendanhas- cuxo espazo expositivo distribúese ao longo de tres andares. Ademais de coleccións locais, perpetúa a memoria cerámica de todo o pobo portugués.

Primeiro foi Museu Rexional de Cerámica e, finalmente, cando pasou a abarcar practicamente toda a artesanía de barro do país, converteuse en Museu de Olaría, cuxo xerme remonta a 1963, tras da doazón da valiosa colección recollida polo etnógrafo barcelense Joaquim Sellés Paes. Os seus fondos suman máis de nove mil pezas representativas tanto da cerámica portuguesa como doutros países, entre os que se atopan Angola, Alxeria, Brasil, Timor, Chile, España e Cabo Verde. A súa superficie expositiva ocupa máis de dous mil metros cadrados.

O acervo do museo posúe pezas de porcelana, azulexos, cerámica arqueolóxica e diversos instrumentos de traballo. Alberga tamén interesantes exemplos de louza utilitaria e recreativa e moitas pezas de carácter folclórico, auténticos retratos de usos e costumes da rexión, algúns deles xa desaparecidos. Como non podía ser doutra forma, o galo de Barcelos aparece representado en múltiples ocasións, así como as pezas de Rosa Ramalho e da súa neta Júlia,entre as doutros coñecidos artesáns portugueses.

O museo abriuse aínda máis ao público dinamizando exposicións temporais co fin de que persoas de todas as idades poidan coñecer e afondar na riqueza e diversidade da alfarería. Dende a súa reapertura o ano pasado tras obras de ampliación,o centro museístico mantén un programa expositivo variado e ameno co fin de proxectar tanto os fondos propios como aos ceramistas lusos.

Como importante foco dinamizador da cultura, o museo preparou para a época natalicia un conxunto diversificado de actividades,pensadas para todas as idades,nas que o barro, a música e mais os instrumentos musicais teñen protagonismo en obradoiros e exposicións que dan a coñecer ao público os diferentes traballos rurais de outrora e a importancia de cada un deles. Os visitantes teñen a posibilidade de realizar a súa propia figura de alfarería e crear os seus propios agasallos cos que sorprender á familia e amigos. Ademais pode verse unha exposición de figuras de beléns baixo o título de "Figurado de Natal", na que se mostran pequenas pezas elaboradas por mestres alfareiros con todos os elementos que conforman os nacementos tradicionais.

Asemade está patente a exhibición titulada "Olaría Norte de Portugal" composta por pezas de louza utilitaria destinada aos usos domésticos máis comúns e que daba resposta ás necesidades familiares. Aquí atópanse manufacturas de louça preta, vermelha fosca e vidrada de Parada de Gatim, Barcelos, Guimarães, Bisalhães, Vilar de Nantes, Selhariz, Pinela, Felgar e Gondar.

Por outra banda, na Sala da Capela está patente a mostra "São Sebastião, Devoção Régia e Popular", composta por obras de pintura e escultura, pezas de artesáns barcelenses e imaxes de arte sacra, entre outros elementos históricos e artísticos que teñen en común ao avogado contra a fame, a peste e a guerra. A estas exposicións súmase "Representações do mundo rural no figurado", que afonda na artesanía do barro, dende os xacementos aos elementos específicos necesarios para a agricultura.

Como complemento a este percorrido, o museo pon a disposición dos seus visitantes diversos obradoiros pedagóxicos sobre a arte da cerámica, pintura de pezas e xogos tradicionais con elementos de barro.

O galo con máis sona

  • Paso do Camiño de Santiago, Barcelos fixo do seu tradicional galo de cerámica un símbolo nacional baseado nunha lenda de peregrino (din que galego). Conta o relato, entón, que un devoto do Apóstolo por alí andaba cando foi acusado dun crime que non cometera. Condenado á forca, proclamou a súa inocencia ante o xuíz, que non o escoitou. Desesperado, sinalou un galo que se estaba a cociñar para o maxistrado e dixo daquela: "É tão certo eu estar inocente, como certo é esse galo cantar quando me enforcarem!"A piques de ser pendurado o devoto, o galo ergueuse e cantou. Reza a tradición que o home regresou anos máis tarde para levantar un monumento en honor a Santiago e ao plumífero salvador. Na feira semanal que se realiza todos os quintas feiras/xoves -unha das maiores e máis antigas do país luso- é posible atopar primorosa artesanía cerámica da ave con máis sona de Portugal. O mercado colorista e alegre constitúe un espectáculo de vitalidade e é sen dúbida un dos maiores da outra beira do Miño, á vez que un dos máis diversificados. Na visita á cidade son puntos de parada ineludibles o castelo dos duques de Bragança, a Igrexa Matriz, o Palacio Ducal ou o templo do Senhor da Cruz, onde anualmente a primeira fin de semana de maio se celebra Festa das Cruzes, a gran romaría miñota tamén cunha fermosa historia fundacional que remonta ao ano 1504, cando un zapateiro foi"observou na terra, uma cruz de cor preta?".

Compartir el artículo

stats