A vinganza do defunto, de Carlos G. Reigosa

Dunha historia que revive. Con avolto detectivesco

Francisco Martínez BouzasA vinganza do defunto

, ata o de agora a última entrega da saga Nirvardo Castro, é segundo o seu autor Carlos Reigosa, a súa novela de Vigo, se ben a cidade olívica comparte espazo con outros varios lugares: Mondoñedo, Madrid, Compostela e Arxentina. Mais, sobre todo cualitativamente, o espazo vigués imponse nesta nova achega arredor das pescudas detectivescas da parella formada polo detective Nirvardo Castro e o xornalista Carlos Conde. A quinta entrega dunha saga que tivo o seu debut aló polo ano 1984 con Crime en Compostela.

A novela de C. Reigosa recupera e recrea acontecementos do pasado que teñen unha forte proxección no presente, ao que a destreza do autor fai chegar dun xeito verosímil. Os seus protagonistas son a parella formada polo detective Nirvardo Castro e o xornalista Carlos Conde que, como xa quedou sinalado, nacera hai trinta anos, mais aos que o escritor non os converte en personaxes arquetípicos, conxelados nunha época, cos mesmos trazos e idade doutrora, senón que evolucionan co tempo e mesmo cren nas súas limitacións. A trama argumental de A vinganza do defunto non deixa de ser orixinal, pois o seu arrinque é a petición dun personaxe vivo que lle pide a Nirvardo que se encargue de investigar a súa morte, mesmo antes de que se produza, como se dun asasinato se tratase. Deste xeito empeza a investigación dun feito que ten lugar na actualidade, pero cuxa explicación afunde as súas raiceiras no tempo da II Guerra Mundial, con cidades como A Coruña e Vigo, centros importantes de apoio aos submarinos alemáns, que acollían igualmente o espionaxe británico e por cuxo peiraos saía o volframio e fuxían cara a América primeiro os xudeus e máis tarde, os nazis. Acontecementos pois doutrora que planean con forza no presente.

A esculca detectivesca remexe naqueles tempos do volframio e da saída de xudeus e nazis desde o porto de Vigo cara a Arxentina. Mais a lea do volframio e dos submarinos nazis mergulla o detective na investigación que os levará a descubrir a morte do personaxe que presentía o seu asasinato, cun arrepiante suceso: a traxedia dunha muller xudía, secuestrada, escravizada, violada e asasinada por un grupo de nazis en Vigo. Unha historia aberta, sen pechar que revive en mortes e axustizamentos moitos anos despois e que levará á parella detectivesca polos escenarios xa amentados.

Unha historia de avolto detectivesco, con todas as convencións do xénero, pero que é moito máis, porque na mesma non predomina con exclusividade a resolución do enigma, senón un retrato de Vigo durante a II Guerra Mundial, un Vigo de ranchos-en-frío, nazis protexidos por falanxistas, xudeus tratando de saír para América e británicos traballando como espías. Unha terrible historia viguesa que ten consecuencias no presente, contextualizada, porén, nas crueldades sen sentido da II Guerra Mundial.

Carlos Reigosa amosa máis unha vez a súa mestría no manexo do xénero: enredo, intriga, maquinación e un ritmo apropiado que lle vai entregando ao lector en doses convenientes o avance da esculca e da aventura detectivesca, ata chegar a un desenlace dificilmente presentido polo lector. Á grande riqueza da trama engádese un bo desenvolvemento narrativo e un loable debuxo do perfil psicolóxico dos personaxes. Mesmo a presenza de personaxes reais actuais -Francisco Vázquez e Celso Collazo Lema nomeadamente- non semellan metidos na novela de maneira forzada, senón que, polos seus testemuños, a súa presenza é congruente coa trama. Xa que logo unha novela de detectives que se axusta de xeito acaído ao modelo canónico e constitúe unha moi interesante lectura.

REIGOSA, Carlos G., A vinganza do defunto, Ed. Xerais, Vigo, 2014, PVP. 19 euros.

O can dos Baskerville, de Arthur Conan Doyle

Apaixonante relato. Engaiolando lectores.

Paula Fernández

Outra tradución d'O can dos Baskerville para o galego, desta volta dentro da colección "Aula das Letras" da editorial Vicens-Vives, pensada esta para o ensino secundario e acompañada tamén de prólogo e actividades que contribúen á asimilación da lectura dos clásicos por parte do alumnado.

A tradución impecable da novela de Sir Arthur Conan Doyle vén asinada por Eva Mª Almazán García, membro do equipo de tradutores do Ulises de Joyce que recibiu neste 2014 o Premio Nacional á mellor tradución do ano outorgado polo Ministerio de Cultura, e achéganos a terceira novela de Doyle protagonizada por Sherlock Holmes e publicada por entregas cando o século XX acababa de comezar.

É esta unha historia de misterio que comeza co achado dun morto, Sir Charles Baskerville, e a procura de Holmes polo doutor Mortimer para que resolva o caso. Mortimer axiña informa ao detective da posible relación deste caso coa maldición dos Baskerville debido ás pegadas de can que foran atopadas á beira do cadáver. A partir de aquí o feito criminal e misterioso cóbrese dunha forte compoñente fantástica e sobrenatural, polo que podemos considerar a novela a medio camiño entre o relato de misterio e o conto de terror, tanto como para que semelle nalgunha ocasión que só se poderá dar unha explicación apoiada no máis alá até que, por suposto, Holmes atopa a auténtica solución, lóxica e racional, mais tamén abraiante. Logo dunha exhaustiva investigación el e mais o seu axudante, Watson, concluirán atopando o responsable do crime e aumentando así a súa sona como investigador. Prodúcese xa que logo o triunfo da razón sobre a superstición grazas a unha aplicación sistemática do método científico, algo presente en todas as novelas que teñen a Holmes como protagonista.

Unha obra apaixonante, contedora de todos os ingredientes dunha gran novela de misterio que malia o paso do tempo non perde nin grandeza nin interese e consegue engaiolar a quen le, meténdoo de cheo en crimes enigmáticos, hipóteses sobre a autoría e finalmente sorprendéndoo. Altamente recomendable para o alumnado de secundaria para así familiarizalo con un dos grandes da literatura universal e mais coa súa lectura.

DOYLE, Arthur Conan, O can dos Baskerville. Arthur Conan Doyle (trad. Eva Mª Almazán) Ed. Vicens-Vives, Barcelona, 2014, PVP. 14, 15 euros.

O río da memoria, de Calros Solla.

Literatura de barricada. Nos entretecidos de Pontevedra.

Héitor Mera

A literatura de Calros Solla (Pontevedra, 1971) é reivindicativa e da reivindicación fixo obra importante este autor en cuxo haber contan títulos de poesía como Cercedo in the Voyager (2004), Pan pros crocodilos (2010), e Holocausto zacoe (2011) ou ensaios tales como O crime de Pardesoa (2013) e mais As pedras da tribo (2014). Son varios os eixos que vertebran esta literatura de barricada: a posta en valor do Monte do Seixo, o intento por derrubar a fábrica peideira de Pontevedra e, por último ata a data, coa inestimable colaboración das asociacións Vaipolorío e Capitán Gosende, a recuperación natural e memorística do río dos Gafos ou río Tomeza que durante tanto tempo estivo desamparado.

O labor documental deste libro que hoxe presentamos é inxente. Dende o século XVIII deica á actualidade, Solla é quen de poñer enriba da mesa toda a documentación ao seu dispór; analízaa a seguir, acompañada de sesudo e moi literario aparato crítico, ademais de numerosos documentos fotográficos de grande interese para a esa mesma historia, aínda por facer, da cidade de Pontevedra.

Se ben a documentación presentada nas páxinas deste volume é, de seu, de amplo interese para o lector, o aparato crítico que a acompaña vén dar grande luz a todas esas chaves que, se callar, o descoñecedor das fonduras históricas da cidade non ten.

Toponimia, etnografía, anécdotas? todo verdadeiro un abano de situacións dadas dun río que de sempre foi deostado pola súa condición de lugar de leprosos ata chegarmos onde a última reivindicación e posterior recuperación desta vía de auga e vida, fan desta entega da man de Solla un verdadeiro dossier da intrahistoria hidrográfica de Pontevedra. Alí onde non hai moita xente que se pare a ver, atopamos o traballo frutífero e xeneroso de Vaipolorío e Calros Solla que, outra volta, dan unha lección de civismo ecolóxico e cultural na recuperación da memoria dunha sociedade colectivamente demenciada e non consciente do valor das cousas que a rodean.

Podemos dicir que Calros Solla pon ao servizo desa sociedade, enton, toda a súa capacidade intelectual. E o noso autor ten o mérito de non perderse en veleidades. É home bo que tira do carro para que no futuro xa teñamos leira sachada na que traballar.

Por todo iso non nos resta senón escribir moitas grazas a todos/as eles/elas.

SOLLA, Calros, O río da memoria, Ed. Morgante, Cangas, 2014, PVP. 20 euros