Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

CINEMA

Filmes de noso

25 anos de Sempre Xonxa

Sempre Xonxa: Fotograma.

Hai algún anos, a consecuencia dunha polémica xurdida en torno ao filme Los otros (Alejandro Amenábar, 2001), o seu produtor, José Luis Cuerda, saía ao paso sobre as manifestacións que poñían en dúbida a nacionalidade española dunha película rodada en inglés por actores non nacionais, referíndose a que o ministerio de Facenda do Goberno de España, por mor dos ingresos percibidos vía impostos por esta produción, ben podía certificar a súa nacionalidade; a resposta agocha a trampa de establecer o cuño identitario por medio dun fundamento burocrático, sen ter en conta que as películas, dalgún xeito, tamén poden ter alma. Moitos son os cineastas que negan unha determinada nacionalidade ás longametraxes, pero é ben certo que, facendo uso da metáfora ideada por André Bazin -segundo a cal, o cine é unha ventá aberta ao mundo-, non atoparemos a mesma paisaxe se ollamos desde unha ventá dun rañaceos de Manhattan que se o facemos desde a palloza dunha aldea de Forcarei; obviamente, os materiais serán distintos e, en consecuencia, o resultado moi diferente.

Sempre Xonxa é unha película galega non porque estivera subvencionada pola Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, nin sequera por estar falado en galego, senón porque desprende un cheiro a caldo preparado a lume pausado con produtos exclusivamente da horta galega; é dicir, os materias que conforman o filme proceden do ecosistema social da Galicia rural. O seu director e guionista, Chano Piñeiro, procura harmonizar no relato toda unha serie de tramas e subtramas rescatadas da tradición literaria, pictórica, fotográfica, lendaria e da crónica rural transmitida entre xeracións ao carón do lume dunha cheminea. Por momentos, os planos da estación marítima de Vigo ateigada de emigrantes a punto de embarcar alén do Atlántico lembran as fotografías de Manuel Ferrol; o regreso de América de O Birutas (Miguel Insua) cun luminoso traxe branco semella remitir a "O pai de Migueliño" de Castelao; o personaxe de Caladiño supón unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro -os artigos publicados en FARO DE VIGO por Piñeiro na sección "Conversas co vento" teñen un indiscutible influxo cunqueirano. Todo isto, sumado ás historias de aparicións, a vendima e, sobre todo, a emigración, certifican un ollar autóctono do tomavistas da longametraxe.

Chano Piñeiro na rodaxe de Sempre Xonxa

Por esta razón, Sempre Xonxa é máis unha película importante que unha boa película. A historia dun triángulo amoroso nunha remota aldea ao longo de corenta anos, combinado co melodrama, o humor e a fantasía, logra unha mistura peculiar que, en varios momentos do relato, non logra suturar de forma fluída todos os seus ingredentes. Porén, o retrato que fai da emigración pasa por ser dunha veracidade xenuína -xa coa súa anterior curtametraxe, Mamasunción (1984), Chano Piñeiro lograra achegar o público ás rugosidades da emigración-, sobre todo porque amosa as tres facianas deste fenómeno: o que triunfa fóra, o que retorna cunha man diante e outra detrás e o que queda na aldea -é curioso comprobar como hoxe en día os programas televisivos unicamente describen a situación do emigrante exitoso-, ata o punto que o triángulo amoroso atopa o seu contrapunto neste outro triángulo da emigración.

Pasarán os anos e Sempre Xonxa continuará a ser unha película importante no panorama audiovisual galego, pero non só pola súa particularidade pioneira, senón tamén pola atención descritiva que amosa cos pequenos detalles, rozando, nalgunha ocasión, o estilo documental, dos aspectos do mundo rural, os oficios artesanais, os quefaceres domésticos, en definitiva, un estilo de vida cotiá en vías de extinción por mor da expansión da urbe que acabará por converte o filme de Chano Piñeiro nunha peza etnográfica.

Fotograma de Continental, en 1990.

CineGalicia 25

Compartir el artículo

stats