A nobleza miñota e a lírica trobadoresca, Henrique Monteagudo

De nobres trobadores. Cantigas nas beiras do Miño

Alfredo Iglesias

Entre os anos 1037, ano no que accede ao trono Fernando I, quen consolida o poder da monarquía nos reinos do noroeste peninsular (Galicia, León e Castela) e promove un primeiro despegue económico das cidades do reino (Compostela, León, Sahagún ou Baiona), e o ano 1295, no que morre Sancho IV, o que dá lugar a unha guerra civil que abre paso unha nova etapa histórica na que asistimos a unha longa crise das estruturas desenvoltas na fase anterior, Galicia coñece unha prolongada fase de esplendor económico, político e cultural.

Efectivamente, durante boa parte dese período, fundamentalmente nos reinados de Afonso VI (1072-1109), Urraca (1109-1126), Afonso VII (1111-1157), Fernando II (1157-1188), Afonso VIII (1188-1230), Fernando III (1230-1252) e Afonso X (1252-1284), Galicia asistiu a un momento de esplendor cultural do que son mostra a construción da catedral de Compostela e das outras catedrais galegas, a construción de numerosos mosteiros cistercienses (Sobrado, Armenteira, Oseira, Melón?) e das primeiras igrexas e conventos góticos (San Francisco de Betanzos, San Martiño de Noia?), a consolidación do camiño de Santiago como itinerario de peregrinación e de intercambio económico e cultural, a redacción do Códice Calixtino e da Historia Compostelana?

Pois ben, é nese contexto cultural no que xorde a lírica trobadoresca galaico-portuguesa, que floreceu nestas terras na volta dos anos 1185 ao 1325, da man das elites económicas e sociais do país, como proba a vinculación coa nobreza da totalidade dos trobadores galegos. Neste sentido, o libro de Henrique Monteagudo A nobreza miñota e a lírica trobadoresca na Galicia da primeira metade do século XIII (Toxosoutos, 2014), no que se identifican plenamente as figuras dos trobadores Johan Soayrez Somesso ( -1257), Afonso Soarez Sarraça (1231-1262) e Estevo Fayan (1245-1278) a partir de dúas mandas testamentarias do cabaleiro Johan Soarez de Chapela dos anos 1238 e 1247 e da documentación recollida no mosteiro de Melón e noutras fontes documentais, confirma a orixe nobre destes trobadores asociados á casa de Toroño, unha das familias máis notable de Galicia e que tiña intereses económicos sobre as terras do Baixo Miño, polo que o libro achega interesantes novas sobre o control deses territorios pola nobreza. Asemade, a investigación das relacións da familia dos Toroño ofreceu, aínda que fose de xeito colateral, información sobre a forma en que o futuro rei Afonso X se puido pór en contacto coa tradición trobadoresca.

MONTEAGUDO, Henrique, A nobreza miñota e a lírica trobadoresca..., Ed. Toxsoutos, Noia, 2014, PVP. 13 euros

<img alt="" src="https://mas.farodevigo.es/editor_cajas/estaticos/subidas/imagenes/Suscriptor/Faro%20da%20Cultura/dende-conflicto.jpg" style="width: 654px; height: 378px;" /><span style="font-size:11px;">Dende o conflito. María Reimóndez</span>

A ollada dende a primeira liña. Emocións contidas.

Montse Pena

Dende o conflito, Premio Xerais 2014, é a mellor novela de María Reimóndez. Coidadamente ambientada, homenaxea ás mulleres reporteiras de guerra afondando nos seus conflitos e traendo así a primeira plana unha realidade que ten pasado absolutamente desapercibida como materia literaria. A súa protagonista, Saínza Combarro (posible trasunto da galega Sofía Casanova e á vez amalgama de todas as mulleres que exerceron esta profesión), é unha vilalbesa reporteira da BBC que pouco e pouco se vai facendo experta en visitar zonas do planeta que se atopan somerxidas na barbarie do belicismo ou na dor do desastre: Sri Lanka, Haití, Afganistán, Iraq ou Etiopía son algunhas das realidades polas que nos leva a novela, á vez que tenta darlles voz aos colectivos que habitualmente tiveron un máis dificultoso acceso a ela (especialmente mulleres e pobos subxugados). Entrementres, fóra desas áreas en que reina o conflito, Barcelona, Londres, Berlín, Santiago de Compostela e, sobre todo, Vilalba adoitan ser os puntos cardinais do acougo, os lugares para recompoñerse e poder seguir.

A conseguida construción narrativa adobíase con citas iniciais de capítulo de textos de reporteiras reais (intensas e poderosas son as palabras de Casanova, Colvin ou Logan, que indubidablemente convidan a ler as súas crónicas) e coa alternancia dun narrador en terceira persoa canda unha voz narrativa en primeira (a través de cartas e e-mails mais tamén vehiculizada a partir de interesantísimas citas de supostas obras de Combarro) que achegan dinamismo ao texto. Alén, permiten ao lectorado contemplar dende un multiperspectivismo necesario ao perfil máis intimista da novela, o que nos introduce nos desvelos da reporteira e na súa rede afectiva (dende a familia ás súas relacións de amizade ou de parella). As actuacións e as reaccións da protagonista nesta materia permiten ver con precisión o selo Reimóndez, un selo que pode resultar moi atractivo porque transmite outros xeitos de mirar a realidade dende o feminismo, mais que ás veces tamén se constitúe nunha marca nunha parte predicible. Por unha banda, porque todas as súas protagonistas son diferentes caras da mesma con mínimas variacións: mulleres que, ante unhas circunstancias que non lles son propicias, arrepóñense e saen victoriosas da situación, empoderadas, e actuando logo de xeitos moi semellantes. Magnífica escolla se estas personaxes non tivesen unha ausencia de chatas que ás veces as presenta como pouco verosímiles. Pola outra, atópase a eterna cuestión de se a literatura é esencialmente ideoloxía, un interrogante que se me formula cada vez que atopo esas marcas textuais que me indican que conclusións debo tirar do lido. Malia isto, ségueme a inquedar -e neste punto cumpriría facer crítica da crítica- a maior facilidade neste noso sistema para resaltar unha novela eminentemente feminista como ideolóxica que unha novela eminentemente nacionalista como tal. E non será que o habitus do sistema está máis afeito ás segundas? Quizais -e deixo aquí a dúbida- cumpra revisar tamén as propias posicións.

Moi interesante resulta tamén a importancia que na obra se lle outorga á amizade como tea de araña que nos sostén. Cos seus fracasos e os seus acertos, como ocorre coa habitual perspectiva sobre o sentimento amoroso, na vida de Combarro é un motor que lle permite reanudarse, inda que tamén xordan fendas. Espazos que son aproveitados habelenciosamente pola autora para cinguir esta creación con En vías de extinción (2012). Mais quédense vostedes con Dende o conflito, pola intensidade, polas aprendizaxes e polas emocións contidas.

REIMÓNDEZ, María, Dende o conflito, Ed. Xerais, Vigo, 2014, PVP. 18 euros

<img alt="" src="https://mas.farodevigo.es/editor_cajas/estaticos/subidas/imagenes/Suscriptor/Faro%20da%20Cultura/gato-negro.jpg" style="width: 654px; height: 378px;" /><span style="font-size:11px;">O gato negro e outros contos de horror. Edgar Allan Poe</span>

Próximo e elegante. Unha boa escolla.

Paula Fernández

Os rapaces e rapazas galegos non deberían rematar a educación secundaria sen facer un achegamento á lectura dos clásicos literarios universais, isto é o que pensa a editorial Vicens Vives e demóstrao coa introdución no seu catálogo de coleccións como "Aula das Letras". Unha colección que escolle autores universais axeitados á idade destes escolares e enriquece as obras cun completo prólogo e actividades para traballar o texto lido.

Desta volta, o autor elixido é o americano Edgar Allan Poe (Boston, 1809 - Baltimore, 1849), un dos primeiros autores de contos en América que se decantou polas historias misteriosas e macabras, como amosan os seus innumerables títulos. Recóllense nesta compilación oito contos encabezados por "O gato negro", un conto imprescindible, sen dúbida un dos mellores, publicado en 1843, onde Poe presenta un personaxe dominado polo instinto de perversidade e faino baixo a forma dunha confesión xudicial na que o narrador tenta convencer ao tribunal da súa inocencia. Continúa a escolla literaria con "A verdadeira historia do señor Valdemar", un conto que contou cunha enorme aceptación no momento da súa publicación, se cadra por tratar temas próximos ás ciencias ocultas, como a hipnosis, dunha maneira tan próxima á realidade que causaba fascinación. Segue unha historia centrada noutro tipo de violencia a vinganza en "A barrica do amontillado" ambientada na Idade Media igual que os dous contos que seguen "Hop Frog" e "A mascarada da morte vermella". Tras este, en "O pozo e o péndulo" consegue amosar a súa mestría na arte do misterio e convéncenos da súa xenial capacidade para conseguir manter a intriga ata o final. Xa chegando ao final, "O corazón delator" un monólogo no que un asasino quere amosarlle a súa inocencia a quen le baseándose na súa falta de cordura e, para rematar, "A caída da casa Usher", un conto simbólico no que o espazo semella influír de maneira determinante na mente dos protagonistas.

Recóllese o máis representativo de Poe, o o seu xeito próximo e elegante de escribir, os temas recorrentes, non por iso repetititivos, que apaixonan as mentes dos lectores adolescentes, a morte, o escuro, o inexplicable e todo o característico do romanticismo gótico. Lecturas que atrapan pola súa verosimilitude e manteñen o ritmo e a tensión. Unha boa escolla que sabemos deleitará os adolescentes que a ela se acheguen.

POE, Edgar Allan, O gato negro, Ed. Vicens Vives, Barcelona, 2014, PVP. 10, 26 euros