Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os Medos de Currás

Un xacemento tardorromano no Baixo Miño

Necrópole do Adro de Currás.

Curral é unha palabra galega que atopa a súa raíz na voz latina *currale, sinónimo de corte ou de patio anexo á casa para recoller o gando. De aquí parece derivar o topónimo Currás, nome dunha parroquia do concello de Tomiño, que a principios da década de 1970 viviu un auténtico acontecemento, a descuberta dun xacemento arqueolóxico no pinal dos Medos (do latín *meta; morea, medeiro, meda cónica). Tratábase, en realidade, de dous xacementos diferenciados: unha necrópole medieval e unha villa romana.

A villa romana sería unha domus rural tardía (unha granxa habitada por colonos, para entendérmonos) datable entre os séculos IV-VI d.C. que foi obxecto da tese de licenciatura de Patricia Valle Abad. Ata o de agora atopouse parte dun hipocausto ou sistema de calefacción da vila, o que demostra que a construción é de certo prestixio e podería pertencer a un potentado, como tamén demostraría o achado de vidro fino, de cerámica de importación (ánforas e vaixela bracarense e mediterránea, en concreto da actual Italia e Turquía), pesas de tear, un fragmento de muíño romano, fustes de columnas de granito, tégulas con signos de alfareiro, etc?

Ao igual que outras villae romanas escavadas ata hoxe no noso país (Toralla, Noville, Cambre, etc?) a de Currás non se explica sen a consideración da economía do seu contorno no momento no que está en funcionamento. Cómpre recordar que o Baixo Miño estaba vinculado ao comercio que circulaba pola vía XIX e os seus ramais secundarios (Tude era un importante núcleo administrativo romano), así como polo marítimo e fluvial de media e longa distancia. A constitución da provincia romana da Gallaecia con capital en Braga, alá polo século IV d.C, reforzaría o papel desta villa rústica característica da tardorromanidade, inserida nun contexto especialmente fértil no que ten a ver coa explotación aurífera, como vén de probar Brais Currás, doutor en arqueoloxía do CSIC, que cifra en 144 o total das explotacións de ouro documentadas no Baixo Miño (desde Arbo ata A Guarda).

Nunha cota superior á que acolle os restos da villa romana sitúase a necrópole altomedieval do Adro, topónimo revelador da descuberta que tivo lugar a principios da década de 1970. Naquela altura escaváronse 21 sepulturas dun total de corenta localizadas que se adscriben a unha dobre tipoloxía ben diferenciada; por unha banda un conxunto de orixe romana - coetáneas á villa dos Medos - conformado por enterramentos de cabalete a base de tégulas, e un segundo grupo - maioritario - caracterizado pola utilización de pedras de cachotería de tamaño medio que recordan ás necrópoles fusiformes de inhumación xermánicas; unha excepción a este grupo sería unha única tumba conformada por tixolos macizos de adobe. Esta necrópole altomedieval, ao igual que as próximas de Rebordáns (Tui) ou a do claustro da Catedral de Tui, por poñer dous exemplos, a orientación das tumbas segue a lóxica do percurso solar, coa cabeceira ao poñente e os pés ao nacente. Pero qu clase de material apareceu alí?; pouco máis que un aplique con decoración vexetal e unha fibela xermánicas, un pondus ou pesa de tear e cerámica castrexa, material este que tamén se documentou nos Medos, na cota superior, o que podería estar indicando que a necrópole superpúxose a un asentamento da Idade do Ferro.

O pasado ano 2013 o Concello de Tomiño, co apoio dos comuneiros e veciños de Currás, asinou un convenio coa Universidade de Vigo para desenvolver un meritorio proxecto de investigación, recuperación e posta en valor deste xacemento, un traballo que se concretou na re-escavación e ampliación da área exhumada en 1972 e na caracterización de todo o material egresado. A dirección dos traballos correu a cargo do profesor Fermín Pérez Losada, quen tamén coordinou a excelente exposición que acolleu a Casa da Cultura de Tomiño entre os meses de outubro e novembro.

Os precursores

  • Esta última campaña realizouse no mesmo lugar onde xa se fixera unha intervención no ano 1972, dirixida daquela polo catedrático de instituto Manuel Fernández Rodríguez e impulsada e materializada polo Grupo Arqueolóxico do Baixo Miño, do que formaban parte Jesús Gómez Sobrino, Aquilino González Santiso e mais o infatigable erudito Xoán Martínez Tamuxe. Revisando a documentación que deu lugar ao traballo que están Vdes. a ler agora, recordei unha conferencia sobre o borrador da nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia impartida polo fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela, en Mondariz Balneario no ano 2010, e na que reivindicaba, con máis razón que un santo, que a nova lei debería recoñecer e validar o papel das asociacións de ámbito local e comarcal que traballan pola defensa e protección do patrimonio cultural. Pasaron catro anos daquela palestra maxistral e case vinte da promulgación da lei galega e, malia o paso do tempo, aínda temos pendente esta tarefa que tanto pode contribuír en favor da conservación dos bens culturais que herdamos. Nos países dotados cunha democracia avanzada, a administración recoñece de forma oficial a colectivos sociais capacitados para levar a cabo actuacións de promoción e apropiación social do patrimonio cultural. A participación cidadá, de carácter voluntario, pegada ao territorio e con capacitación técnica, é a única forma de velar pola conservación e divulgación efectiva e non burocratizada da nosa herdanza material. Velaí os exemplos de Monterrei, Sarria ou Mondariz para quen queira velos.

Compartir el artículo

stats