Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TEATRO

Matanza

Un espectáculo de Triatreros

Un dos momentos da posta en escena de Matanza.

De Aristófanes a Kafka, a metáfora animal ten sido utilizada por escritores diferentes en xéneros diversos como modo de exemplificar as inclinacións e circunstancias peores da condición humana. Noutras ocasións, como na Asinaria de Plauto, os seres humanos son comparados con animais aos que lles atribuímos a maior torpeza e falta de intelixencia. Nesa obra de Plauto podemos ler a frase que afirma que o home é un lobo para o home. Con todo, tal vez unha das visións máis rotundas nesa dirección fose a que ofrecía David Cooper en A morte da familia (1971), no capítulo titulado Mate de fame o seu porco. O coñecido psiquiatra, impulsor con R. D. Laing da psiquiatría alternativa, sinalaba que as persoas son porcos e as institucións cortellos. Coa que está a caer, algo de razón levaba.

E moito de todo iso hai no texto de Roberto Salgueiro, Matanza, co que, en 2001, queda finalista no Premio Rafael Dieste para textos dramáticos. Unha peza na que se deixa sentir, dalgunha maneira, unha forma de escribir aberta, procaz e non convencional, que percorre a literatura universal e que no eido dramático volvía agromar en Inglaterra coas propostas de Andrea Dunbar primeiro, e despois estoura coas achegas de Sarah Kane ou Mark Ravenhill, xusto cando aparecen películas coma Trainspotting (1996), baseada nunha novela homónima de Irvine Welsh (1993). Cen anos despois, toda a "merdre" que tanto escandalizara en París na presentación do espectáculo Ubu Roi (1896), volvía aos escenarios, se ben xa por volta de 1971 o actor George Carlin (1937-2008) presentaba o monólogo Seven Words you Can Never Say on Televisión no que dicía na escena palabras daquela aínda prohibidas que serían a causa de varios arrestos por obscenidade. Un monólogo magnífico, hilarante e sarcástico que se pode ver agora en youtube.

Cunha acertada dirección de Beatriz Campos e un notable deseño escénico integral de Laura Iturralde, esta proposta da compañía Triatreros segue, e para ben, a pauta sinalada no texto, para xerar unha trama baseada na clásica transición entre presentación, reconto e morte, pois en efecto todos temos que morrer algún día (cando chega o San Martiño), e cando a xente venta morte o reconto do pasado semella o único recurso para enfrontar a ausencia real de futuro.

Un dos valores evidentes do espectáculo reside no traballo que realizan os actores Omar Ferrín e Tone Martínez (dous porcos que agardan a morte) e a actriz Celia González (muller matachín), pois destaca desde o seu primeiro momento a súa capacidade para estar na escena coa naturalidade que se precisa para facer da vocación unha profesión, sen hipérboles nin carencias. Asentada nunha estética realista, que non renuncia a un necesario sintetismo, a acción flúe grazas á capacidade dos intérpretes de darlle forma e sentido a ese complexo e retorto proceso de comunicación que viven dúas persoas que agardan a fin, mentres unha terceira observa. Pois o teatro non é outra cousa que replicar procesos de comunicación. Non hai máis aquel, mesmo cando a comunicación se fragmenta e se torna salmodia vocal e corporal aleatoria.

Triatreros constitúe unha compañía nova, creada por mozas e mozos nos cales adiviñamos e, aínda máis, constatamos unha formación sólida, e sobre todo unhas ganas inmensas de facer teatro e facelo ben, sabendo que o teatro, tal e como quería Nikolai Evreinov, pode abrollar en calquera lugar. Compañías que están chamadas a transformar a nosa escena e o teatro noso, seguramente tamén unha literatura dramática que os alimente. Coma este texto notable de Roberto Salgueiro que se torna espectáculo acedo e vibrante a un tempo. Non deixen de velo, ou de contratalo (de ser o caso).

Teatros para o teatro

Compartir el artículo

stats