Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LITERATURA / SOCIEDADE

Editores artesáns

Dos libros na era dixital

O editor catalán Jaume Vallcorba (1949-2014)

A recente morte de Jaume Vallcorba, o editor catalán impulsor dos selos Quaderns Crema, en catalán, e Acantilado (co antecedente de Sirmio), en castelán, preséntase como ocasión tristemente inmellorable para reflexionar sobre o oficio de editor nos nosos tempos. Cómpre lembrar aqueles editores unipersoais, hoxe desaparecidos, que souberon resistir as limitacións impostas pola aculturación franquista, entre outros Josep Janés, Carlos Barral ou José Batlló (editor da colección de poesía El Bardo), en Barcelona; Francesc de Borja Moll, en Mallorca; Xosé María Álvarez Blázquez (coa Editorial Monterrey).

Non se trata tanto do editor empresario, accionista en parte ou de todo, que tanto publica libros como revistas, coleccións audiovisuais, na liña do que foi José Manuel Lara con Planeta, ou dos grandes grupos de comunicación, sometidos aos vaivéns do mercado. Estamos a falar do editor singular, que deseña as coleccións de maneira unitaria, dándolles un valor engadido que por eles mesmos constitúen unha garantía para o lector.

Editores singulares que non publican calquera cousa nin de calquera maneira senón que procuran unha imaxe de deseño particular, de tipografías coidadas e papel de calidade contrastada, datos que figuran no exemplar como se dunha receita de medicamentos se tratase. E se temos que procurar editores deste gremio temos que acudir a eses ourives da edición como é Jacobo Fitz-James Stuart, con Siruela, ou como foi Jaume Vallcorba.

Pero Vallcorba, editor valente, puña a calidade literaria e a vontade de acordar o interese do lector por riba da ideoloxía. E así non tivo melindres para editar a Pierre Drieu La Rochelle, Albert Speer ou Eugeni(o) d´Ors entre os conservadores, ou as memorias do activista e xornalista comunista Iliá Ehrenburg. Sen esquecer que outra das filias de Vallcorba era a literatura portuguesa, ben representada polas novelas policiais de Fernando Pessoa, Ramalho Ortigão, Vergílio Ferreira ou Pedro Vaz de Caminha.

O lector que se achega ás coleccións destes editores sabe que, sexa cal sexa a súa elección, o produto adquirido non o vai defraudar e que vai ser unha vía, imprescindible sen dúbida, para coñecer como foron os tempos pasados en terras que non sempre podemos coñecer ben porque quedamos na epiderme do turismo.

Libros artesáns: todo un galano

Neste senso, e a propósito da herdanza deixada polo editor catalán, Sandra Ollo, a súa viúva e nova propietaria de Quaderns Crema e Acantilado, confesaba recentemente que se algo aprendeu do seu marido foio valor da tarefa ben feita e nese senso aposta pola continuidade en continente e en contido: calidade en canto o segundo e negación de calquera estridencia en canto ao primeiro. Equilibrio entre algunhas novidades cuxa permanencia no catálogo lles asegura que no envellezan e obras clásicas e ensaios rigorosos pero de divulgación, sen contundencia academicista.

Estes editores, na medida en que teñen que asegurar a continuidade do negocio, precisan gañar a fidelidade dos lectores. Conseguir que cando estes mercan un libro seu teñan a garantía de que non vai quedar morto nos alzadeiros particulares nin vai ser futuro obxecto de venta a saldo ou de bookcrossing. Incluso que o seu conxunto aporte un punto de harmonía no particular estudo, tanto externa como de admiración por parte dos coñecidos.

Editores que planifican coidadosamente a saída do prelo dos libros que publican, procurando a compra de dereitos -cando os hai- ou renovando traducións desde a lingua orixinal despois daqueles anos de miseria das versións interpostas, as máis das veces desde o francés. Vantaxes da globalización, hoxe dispoñemos de bos tradutores de linguas ata hai pouco ignotas para nós como o checo, o albanés, o húngaro ou o serbocroata.

Ourives do catálogo

Compartir el artículo

stats