Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Premio Jules Verne 2014

Eduardo Santiago: "O realismo puro e duro non me interesa"

Con O Gran Reino, este diplomado en Profesorado de EXB resultou ganador este ano do Premio Jules Verne

- O Gran Reino, a novela coa que Vde. obtivo o Premio Jules Verne, vén precedida na súa traxectoria literaria por outras dúas obras enmarcadas dentro do xénero da ciencia ficción, 2044 e mais A teoría do tempo imaxinario. De onde provén esa devoción por semellante xénero literario, por certo que escasamente cultivado na literatura galega?

-Coa ficción científica na literatura acontece algo moi semellante á música jazz entre os estilos musicais: as persoas que lles gusta, ámana con entusiasmo; as que non, ódiana co mesmo fervor. Eu comecei a amar a ficción científica na adolescencia, da man dos grandes autores do xénero de finais do século XX: Huxley, Orwell, Asimov, Philip K. Dick, Arthur C. Clarke, Úrsula K. LeGuin... e tantos outros. É certo que na literatura galega é un xénero escasamente cultivado, talvez porque as autoras e autores galegos prefiren falar máis da realidade e das fantasías que forman parte do noso ideario colectivo. Pero tamén podemos atopar aquí algunha xoia: Atl, de Manuel Lourenzo, paréceme unha novela maxistral.

-Unha das claves dunha boa narración de ciencia ficción consiste en convencer o lector de que, malia que o que se describe é un mundo irreal, ese mesmo lector chegue á conclusión de que, aínda que sexa de tal xeito, "pode ser posible". Como é que se consegue tal obxectivo?

-Na ficción científica, como en todas as artes, hai boas e malas obras. Hai xente que cre que porque me gusta a ficción científica xa me teñen que gustar todas as novelas deste xénero. E non é así. Hai moitas novelas de ficción científica que non me gustan; incluso, algunhas que aborrezo. Unha novela realista tamén pode resultar totalmente irreal. A cuestión non é facer crer á persoa que le que o que se conta é posible, senón que resulte crible e, sobre todo, coherente, estimulante, que achegue ideas sorprendentes, que ofreza a posibilidade de ollar o mundo dende unha perspectiva diferente, que faga pensar, que estimule a imaxinación. Eu é o que trato de facer cando me poño a escribir.

-De todos os xeitos, teño a impresión persoal de que O Gran Reino é máis unha novela de fantasía que unha novela de ciencia ficción propiamente dita. A todo isto, onde está a fronteira entre a fantasía e a ciencia ficción?

-Ó Gran Reino é unha novela na que misturo fantasía e realidade. Evidentemente, non é unha novela de ficción científica. Ao meu modo de ver, o que define a fronteira entre a fantasía e a ficción científica son as coordenadas espazo temporais. A fantasía acontece nun ámbito que está fóra do tempo e do mundo real, do mundo físico, para entendernos. A ficción científica móvese arredor deste mundo físico, que pode ser o mundo que coñecemos ou algún outro moi afastado e, polo tanto, imaxinario, porque ninguén pode coñecelo, mais nun espazo temporal que se sitúa no futuro (tendo en conta que o presente é o momento no que se escribe), ou nun pasado moi remoto.

-De que autores/as recoñece Vde. influencias no seu xeito de abordar este xénero literario?

-Eu non creo ter influencias directas de ningunha autora nin de ningún autor. Se tivese que citar algunha referencia literaria, canto á ficción científica, recoñezo que as primeiras novelas de Úrsula K. LeGuin me deixaron unha fonda pegada (cando escribiu fantasía xa non me gustou tanto). Se falamos de fantasía, J.R.R. Tolkien, sen dúbida. Toda a fantasía medieval que se escribiu despois de Tolkien ten O señor dos aneis como referencia. A min sorpréndeme moitísimo atopar en moitas obras de ficción científica actuais, cuxa acción se desenvolve nun ámbito futuro e distópico, no que contan coas tecnoloxías máis avanzadas, o feito de que os protagonistas loiten con coitelos, arcos e frechas. A iso me refería coa coherencia. Hai quen non lle dá importancia a estes detalles, pero para min resultan moi significativos.

-A protagonista de O Gran Reino é unha rapariga que padece uns problemas moi reais na sociedade actual (anorexia, falta de cariño dos pais...). Como naceu esta Gala? Inspirouse nunha persoa real, alguén achegado a Vde.?

-Si, está inspirado nunha persoa real, moi achegada a min. O que non quere dicir que Gala sexa igual a esa persoa. Cando decidín escribir este libro, tiña dúas opcións: contar a historia real, que coñezo de primeira man, con toda a crudeza e o sufrimento no que se desenvolve unha enfermidade tan complexa como a anorexia, ou fabular unha historia baseándome neses feitos reais. Daquela estaba moi de moda a literatura xuvenil de mundos paralelos, e xa levaba algún tempo dándolle voltas á idea de imitar a Cervantes, substituíndo o fidalgo castelán por unha adolescente do século XXI, e as novelas de cabalerías polas de fantasía baseadas en mundos paralelos.

-Acerto se digo que Gala (e o mundo que ela crea, o reino de Margonia) ten cousas que lembran moito á Alicia (do País das Marabillas)?

-Totalmente. Sen dúbida hai un certo paralelismo entre Alicia e Gala. As dúas rexeitan a realidade na que viven e constrúen o seu propio mundo de fantasía. Pero non só a protagonista, todo o reino de Margonia se pode considerar coma unha homenaxe ao País das Marabillas de Lewis Carroll. Precisamente por iso decidín incluír no libro os debuxos que representan os seres que habitan Margonia. Tamén teño que dicir que este mundo non o inventei eu, foi unha creación da miña filla Raquel, cando tiña trece anos. Foi ela quen imaxinou eses catro reinos e todos e cada un dos seres que habitan neles. Tamén foi ela quen lles puxo os nomes aos reinos e aos seres, moitos deles de difícil pronunciación, e foi ela a que fixo os debuxos. Eu só llos pedín prestados e fabulei con todos eles.

-A súa especialidade profesional son as Ciencias. Como fai para compatibilizar a Ciencia, que debe ser exacta, coa Literatura (sobre todo este tipo de Literatura), na que hai que dar renda libre á imaxinación?

-É certo que teño unha formación científica, mais iso non quere dicir que me falte imaxinación. Coñecemento e imaxinación non teñen por que estar enfrontados. De feito, a Ciencia avanza grazas á imaxinación baseada no coñecemento. A imaxinación sen coñecemento é unha pura entelequia, e o coñecemento sen imaxinación non sería máis que unha continua repetición.

-Hai moita xente que coñece as novelas de Jules Verne polas súas adaptacións para o cine e a televisión. Inflúe dalgún xeito o mundo audiovisual na súa escrita?

-Para nada. Eu non son moi afeccionado ao cine. Son consciente de que, ás veces, o que non sae na televisión non existe, aínda que agora, cada vez máis, o que non existe é o que non está nas redes sociais. E aí tampouco me atoparás. Non estou en facebook nin en twiter, nin en instagram, nin teño blog; por non ter, nin sequera teño WhatsApp. Pode parecer unha contradición, tendo en conta o que me gusta a tecnoloxía e que non son alleo aos avances tecnolóxicos do momento (o que me permite, incluso, crear na ficción posibles trebellos futuros que agora non existen), mais a min gústame empregar a tecnoloxía segundo as miñas necesidades, non resultar escravo dela.

-Nos seus próximos proxectos literarios vai seguir nesta liña de ciencia ficción/fantasía ou xa lle pide o corpo abordar historias máis "realistas"?

-O realismo, puro e duro, non me interesa como elemento narrativo. Penso que reflectir o que acontece na realidade é unha tarefa máis propia de xornalistas que de novelistas. O novelista ten que achegar ideas innovadoras, orixinais, incluso transgresoras, sorprendentes, estimulantes, que sei eu, todo menos deixar a persoa que le indiferente. Agora mesmo teño varias ideas en mente, unha delas é a continuación de O Gran Reino. Non tiña pensado facelo, pero as tres rapazas que formaban parte do xurado do premio Jules Verne pedíronme a segunda parte con tal entusiasmo que non me vou poder negar.

--Como "home de Ciencias",que futuro lle agarda ao libro en papel?

-A curto prazo, augúrolle aínda moita vida por diante. A nosa xeración, dende logo, non o verá desaparecer. Pero nun futuro bastante afastado, non sei precisar cando será iso, penso que seguirá o proceso evolutivo de todos os soportes da escrita: arxila, papiro, pergameo, papel, soporte electrónico...

Compartir el artículo

stats