Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LITERATURA

Mondoñedo, cunquiña deleitosa...

160 anos Manuel de Leiras Pulpeiro

Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912)

Álvaro Cunqueiro relataba que, de cativo, escoitaba cada 17 de Nadal tanguer a Paula de Mondoñedo en memoria do Mariscal Pardo de Cela, decapitado na praza da catedral onde hoxe entran os cabalos salvaxes polo San Lucas ao ritmo dos cascos das res sobre a pedra anterga da provincia do Reino. Quen sabe da realidade ou da maxia de quen fora director deste mesmo xornal, se hai algo de parladoiro de rebotica ou contos traídos da barbería do Pallarego.

Quen axudou a recuperar a memoria deste señor feudal foi o Manuel Leiras Pulpeiro, quen deixara gravado na pedra montañesa: "Des que lle a peta botaron / ninguén máis foi á Frouxeira". Deste poeta mindoniense celebramos o pasado 25 de outubro o 160 aniversario. Nacera, pois, no pouso da revolución de 1854, na hora en que se soñaba coa liberdade.

A obra lírica deste médico xeneroso é a expresión da creación popular e que se recolle de maneira concreta nos seus Cantares gallegos (1911). Restan outros poemas de sabor patriótico galego, de denuncia social, de compromiso ético e moral cos desfavorecidos, de vizosa riqueza léxica. El, coas súas longas barbas como ladeiras xeadas do Xistral, atravesaba as rúas de Mondoñedo entre a mirada atenta da curia desconfiada e os humildes que o admiraban polo seu trato bondadoso. A súa fasquía de home varudo, xentil, ergueito e sinxelo facíano recoñecíbel e respectado por todos. Así, a manifestación de recoñecemento cidadá expresouse na xornada do seu enterro.

Leiras está soterrado fóra do sagrado. Na beira onde repousan os miúdos corpos dos nenos defuntos sen seren bautizados. No sartego lese este anaco: "Pra eterna lembranza do gran poeta é cibdadán Manuel Leiras Pulpeiro. [?] Amou a verdade e practicóu o ben". Un recordo chegado do esforzo (nunca pagado!) da emigración dos fillos de Mondoñedo en Bos Aires.

A súa acción poética enuncia a ligazón cos principios ético-políticos: república (como forma de estado e cultura), federalismo (asiste á asemblea de Lugo de 1887 onde se aproba o Proyecto de Constitución para el Estado Gallego) e querenza polo noso (descrito na paisaxe, nas lendas, na reivindicación e no uso da lingua galega). Leiras Pulpeiro foi proposto para académico numerario pero refugou esta distinción ao non considerarse merecente mais doaría distinta documentación e traballos á Real Academia Galega.

Vista da fachada da catedral de Mondoñedo

Antón Villar Ponte trabou amizade co vello Leiras e, dalgún xeito, introduciuno no galeguismo, na masonería e no compromiso republicano. Até O Mariscal, unha sensacional ópera de Ramón Cabanillas e Villar Ponte (non hai moito representada no Teatro García Barbón de Vigo tras 81 anos dende a súa estrea), é debedora do verdegar da memoria do Mariscal proposta polo poeta mindoniense. Oxalá a citada ópera volvese os teatros galegos e non tiveran que pasar tantas mareas.

Vigo tamén está presente na vida deste médico dos pobres, alcume merecido porque quen fixo ben a eito. En 1910 celebrouse na nosa urbe atlántica os Xogos Florais, que recollían aquela sinfonía do Rexurdimento de 1861. Resultou gañador o poema titulado Un galo, presentado sob o lema Cantei como mal sabía dándolle reviravoltas, versos prestados de Rosalía de Castro, e que se correspondía ao Leiras Pulpeiro. Dous anos despois falecía o cidadán. Na súa tumba, en 1931, un antigo camarada seu informábao: Leiras, Leiriñas, chegou a República!, como xesto de recompensa aos soños entregados.

O pasado 25 de outubro soou á Paula nos peitos dos que nos sentimos fervorosos devotos desta imaxe a imitar, de quen serve de modelo social nun tempo dado á corrupción dos principios da humanidade. Pra ti, Leiras, centos de roseiras de rosas roxas!

Rexurdir do poeta

Compartir el artículo

stats