Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Garantía nas distancias

Dunha polícroma singradura narrativa

Garantía nas distancias

Agasállanos Xavier Queipo cunha ampla e variada presada de historias en formato breve, recuperando deste xeito unha parte significativa da súa obra dispersa que, ao longo dos últimos vinte anos, fora aparecendo en publicacións efémeras que en raras ocasións tiveron algún tipo de distribución. Con esta antoloxía de textos, pretende X. Queipo, en primeiro lugar, facer "a gran limpeza do verán". Ao cumprir os cincuenta e cinco anos, o escritor acordou limpar os seus ficheiros facendo, xaora, un galano non só a si mesmo, senón tamén aos lectores fieis á narrativa queipiana. Deste xeito, amosa ademais X. Queipo o lugar que como escritor ocupa no mundo da escrita. No seu persoal espazo da escrita, o autor proporciona abondas probas da súa febra e pulo creativos cos que é capaz de erguer verdadeiras historiais ficcionais, condensadas polo xeral en poucas páxinas. Historias ademais dunha grande heteroxeneidade, tanto temática como estilística, tiradas moitas delas de experiencias persoais, mais tamén dos seus soños.

O volume aparece ordenado en varias seccións ou "pólas" que dan fe da capacidade creativa do escritor. Non entanto, malia esa heteroxeneidade, os distintos textos forman unha cumprida amálgama na que están representadas algunhas das vetas creativas dun dos escritores máis solventes e poliédricos do sistema literario de noso. Dedica X. Queipo a primeira destas pólas aos relatos de temática mariña. Ao meu ver Xavier Queipo é o gran fabulador do mar na literatura galega. O mar e as aventuras mariñas inauguran con Ártico e outros mares a produción literaria do escritor, que prosegue con O paso do noroeste. Porén, os relatos mariños de Queipo non fabulan o mar de ceifas, salitres, baixíos e tesíos das nosas rías, senón as augas, ondas e galernas lonxícuas dos mares do mundo enteiro, transido de calmeiros, inmensas chairas de banquisa que aferrollan homes e navíos. O mar de naufráxios épicos e de derrotas éticas.

A singradura contística transita dos mares de lonxe á terra coñecida (Galicia e Bruxelas). Con relatos variados entre os que saliento "Mutante. Exercicio de estilo", "Rutina na cela 43" e "Os arroaces de Muros", unha historia á vez tráxica e lendaria, condensada en dúas páxinas. Outras seccións desta colectánea son "Instrucións", sen dúbida a parte que más se acerca á escrita ensaística. Ensaios minúsculos escritos con gran agudeza e acuidade, mais ben arredados de calquera caste de dogmatismo, porque o autor síntese abafado polas incertezas. Finalmente, os relatos que se insiren na paixón do autor pola entomoloxía. Xavier Queipo ten a habilidade de crear literatura de ficción arredor da bichería: escaravellos, moscas sen ás, cínfanos, saltóns, escornabois, avésporas, moscas carniceiras do novo mundo protagonizan engailontes historias de ficción, algunhas mesmo no Parlamento Europeo.

As historias de 55 dan fe dun autor que domina con garantías as distancias curtas. E faino ademais nun periplo poliédrico: desde a alta literatura de aventuras, ata os exercicios de estilo, descricións de lugares, de animais, sen esquecer a crítica de prexuízos e ideas preestablecidas. Unha amálgama pois de temas, contados con gran sinxeleza expositiva, boa narratividade e sabendo manter o equilibrio entre realidade e ficción, rachando os lindes do etnicismo, sen renunciar as propias raíces . Velaí pois, na miña estima, os trazos destas prosas que, no seu conxunto, sinalan os puntos cardinais da cartografía literaria do autor.

QUEIPO, Xavier, 55, Ed. Xerais, Vigo, 2014, PVP. 19 €

Compartir el artículo

stats