Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O pazo de Brejoeira

Esplendores neoclásicos no Minho

Bucólico estanque nunha zona dos xardíns //T.G.B.

Situado na parroquia de Pinheiros, en Monção, o Pazo da Brejoeira é unha propiedade privada que está clasificada como Patrimonio Nacional dende 1910. Hai catro anos, o Pazo decidiu abrir as súas portas ao público para compartir toda a beleza e esplendor de dous séculos de historia. Emblema do Alto Minho, a Brejoeira constitúe unha grandiosa construción en estilo neoclásico, rodeada dun frondoso parque e máis de dezaoito hectáreas de viñedo dos que sae un albariño transformado nun dos máis carismáticos viños da rexión. Considerado un dos máis impoñentes soares do norte do pais irmán, o ámbito verde que o envolve confírelle un estatus aínda máis singular, cunha historia de conto.

O conxunto, formado polo pazo, as capelas, bosques, xardíns, viñas e adegas, seduce pola súa harmonía e encanto. Nos salóns e cuartos van aparecendo os gustos da época a través de frescos, cadros, teas e mobiliario con incrustacións de madreperla, pratas, porcelana de Oriente e azulexos figurativos. Candeeiros, louzas, tapizarías, salas... evocan a memoria doutras épocas neste pazo ao que só lle falta unha torre para ser real. Despois da magnífica escalinata xorde un xardín de inverno con vitrais e unha estatua do rei Manuel II. A biblioteca -espléndida a media luz- invita á meditación, mentres o pequeno teatro conserva o seu flamante colorido. Todo aquí ten aires palacianos, dende que comezou a construírse nos primeiros anos do século XIX.

Longa é a historia desta bela edificación asentada nos terreos dunha quinta agrícola minhota do século XVII, a Quinta do Vale da Rosa, que pasou a albergar o ilustre pazo escenario de encontros e festas da fidalguía. O brasón da entrada pertence a Luís Pereira Velho de Moscoso, rico herdeiro e cabaleiro da Orde de Cristo que mandou erguer o edificio en 1806. Un século despois, o conselheiro Pedro Maria da Fonseca Araújo, industrial, presidente na época da Associação de Comércio do Porto, adquiriu o conxunto e enriqueceuno cunha capela palatina e o teatro. A obra de remodelación incluíu o revestimento das paredes do adro e da escalinata de azulexos e, no exterior, a reforma dos xardíns e do bosque e mais a construción dun lago. No salón dos retratos rexios, no que a decoración é de inspiración francesa, aparece a figura de Hermínia Pais -a dama do albariño- con 18 anos de idade, pintada con pose de princesa. Porque hai moito neste pazo de conto de fadas, regalo de Francisco Pais á súa filla, un presente que cambiou a súa vida e co que conseguiu un dos mellores viños do Alto Minho luso, coñecido dentro e fóra do país.

O terreo e o edificio repártense en dezaoito hectáreas de viña, oito héctareas de bosque e tres de xardín. En forma de L, a suntuosa arquitectura componse de tres torreóns, unha concesión do rei, xa que ao non ser descendente de sangue azul, Luis de Moscoso non podía dispoñer un pazo con catro torres, aínda que obtivo autorización do monarca para levantar unha terceira atalaia. O mobiliario, as pinturas, os frescos, os cadros da sala dos retratos, a sala de armas, o teatro, a sala do rei... todo ilustra as moitas vivencias desta casa señorial.

En 1937 o pazo foi vendido a Francisco de Oliveira Pais, de Lisboa, pai de Hermínia Pais, a experta enóloga que decidiu abrir as portas ao público e que en 1964 apostou polo cultivo dun albariño que se convertería nun dos máis famosos da subrexión de Monção.

No exterior harmoniza o conxunto un magnífico xardín de estilo inglés, un frondoso bosque de variadas especies e campos de viña. No fermoso ámbito desprégase unha Avenida das Tílias, unha Avenida dos Plátanos, máis de vinte especies diferentes de camelias, unha illa en forma de corazón, estatuas, un xardín dos cisnes, sendeiros cheos de romanticismo e unha adega da que saen cada ano máis de sesenta mil litros de viño.

Sinais de identidade

  • Pinheiros, a parroquia na que se asenta o Pazo da Brejoeira, distribúese nunhas 281 hectáreas e dista cinco quilómetros da sede do concello, Monção. O fastoso edificio e os seus xardíns son o principal reclamo dunha terra na que tamén paga a pena coñecer a beleza ribeirá do río Gadanha e a ponte romana sobre a mesma canle. O Gandanha é un pequeno afluente do río Miño, con praia fluvial, merendeiro e un coidado ámbito. O val, ademais de fértil, é rico en patrimonio etnográfico, constatable nas súas construcións populares e no abundante número de muíños que alberga: moitos xa descubertos e outros por descubrir, marcan a paisaxe ao longo de todo o traxecto fluvial dende o nacente na serra, por enriba de Anhões, ata a foz, en Troporiz. A ponte romana que cruza o río é outro dos testemuños históricos que poboan esta xeografía. Existe unha ruta que pasa por algúns lugares emblemáticos da zona, como a capela do Senhor do Bonfim ou a igrexa de Anhões, lugar situado no corazón da serra da Anta. Nesta parroquia está o punto máis alto do concello, no enclave coñecido por Castelo do Mendouro, onde hai vestixios de vellas mámoas. Esparexidas polas aldeas aínda poden verse xenuínas casas rurais minhotas, de dous andares e de granito con fermosas tipoloxías de hórreos e outras construcións da vida campesiña.

Compartir el artículo

stats