Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nas croas de Salcedo

Unha fiestra á primeira Idade do Ferro

Detalle dos traballos na muralla exterior do castro das Croas.

No ano 1991 os comuneiros da parroquia de Salcedo (Pontevedra) daban unha lección de civismo, cultura e sensibilidade. Na vez de darlle sebo ás canelas, comunicaron ás autoridades e ao Museo de Pontevedra a aparición dunha pedra gravada no transcurso dunhas obras que realizaban nuns terreos da súa propiedade co obxecto de construír un campo de fútbol. Nese mesmo ano a administración encarga a Víctor Barbi a dirección dunha serie de sondaxes que confirman que a elevación na que se levaban a cabo os traballos acolle un xacemento castrexo.

Segundo Antonio de la Peña, o seu escavador no ano 1993, a súa "foi unha campaña subacuática polo elevado nivel de precipitacións que tivemos que soportar". De la Peña, unha das autoridades máis prestixiosas do panorama arqueolóxico galego, dirixiu os traballos con precariedade de medios materiais: "só tiñamos un nivel óptico, nin sequera un teodolito", pero con abundancia de medios humanos, uns poucos estudantes de secundaria e unha lexión de arqueólogos ben formados na universidade compostelá, todos eles impulsados por un dos motores máis potentes que coñece o ser humano: a ansia de aprender e coñecer.

Aquela campaña de principios dos noventa non tivo continuidade e tiveron que pasar máis de dúas décadas para que As Croas fose obxecto dunha nova campaña, desta volta, impulsada polo Concello de Pontevedra. O seu director desta volta, o arqueólogo Eduardo Méndez, membro do Instituto de Estudos Miñoranos, un epígono a escala comarcal do nunca ben chorado Seminario de Estudos Galegos, recorda que "o castro está enmascarado por sucesivos aterramentos", os máis deles derivados do almacenamento incontrolado de terras con motivo da construción da AP-9, que dificultan a mensura real do xacemento.

A colección de materiais documentados no castro é realmente escaso. Os fragmentos de vasos cerámicos, atopados no exterior da cabana exhumada e nas proximidades da muralla, pertencen ao patrón definido por vez primeira no Castro de Neixón pequeno, no primeiro terzo do século pasado. Á cerámica do Castro das Croas é a propia dos inicios da Idade do Ferro, datable entre os séculos VII-VI antes da nosa era, e a mesma que atopamos en xacementos como Torroso ou Dornelas (Mos). A día de hoxe estamos á espera de coñecer as análises dos fragmentos cerámicos que vai realizar a Universidade de Santiago, o que nos permitirá saber máis dos hábitos alimenticios dos habitantes do val do Tomeza de hai case tres milenios.

Pero o cerámico non é o único material que viu a luz no Castro das Croas. En 1993 tamén foron documentadas algunhas pezas de bronce e tamén muíños planos de vaivén. Con todo, ata hoxe, os restos de obxectos mobles documentados son realmente escasos, de aí que Méndez Quintas apunte a un posible abandono pacífico do xacemento. "De ser violento, os materiais serían moito máis abundantes, como sucede en Pompeya por exemplo", apunta ilustrativamente.

O castro das Croas é un castro moi antigo, con uns 2.500-2.700 anos de antigüidade, polo que se encadra na fase de formación da cultura castrexa. A superficie habitable do xacemento é de unha hectárea aproximadamente, e está constituído por unha croa (a superficie habitada máis elevada dunha aldea prehistórica) e unha terraza concéntrica. Na croa foi escavada unha cabana circular de 7 metros de diámetro, documentada parcialmente hai agora vinte e un anos e definida na súa totalidade en 2014, que aparece constituída por un muro de 40 cm de espesor que carece de cimentación.

Destaca unha robusta muralla ou parapeto de 14 metros de lonxitude, 1,5 m de altura conservada e case 2 m de espesor que defende o castro polo E, a parte que mira ao val do río Tomeza, onde se sitúan outros dous recintos defensivos. As súas dúas caras vistas foron levantadas con aparello ciclópeo alternado con cachotería.

Sobre a depresión meridiana

  • O xacemento posúe unha inmellorable situación xeoestratéxica, rodeado de terras de cultivo e dominando visualmente o tránsito de bens e persoas pola autoestrada da época, a depresión meridiana, unha condición que comparte con outros castros próximos como o da Peneda do Viso, o castro de Ponte Sampaio, Coto Loureiro en Figueirido, San Cibrán en Tomeza ou Matalobos en Salcedo.Segundo Antonio de la Peña, o castro puido ter sido abandonado durante o proceso de construción e quizais nunca chegou a estar habitado. "Nas Croas non se documentou nin sequera un solo pisado, nin un só nivel de ocupación vinculado á muralla", o que fai pensar que, quizais, o sector escavado ata agora foi ocupado durante moi pouco tempo. A resposta a esta incógnita segue no aire: coincidiu cunha remodelación da muralla?; estaba en construción naquela altura?. Non o sabemos aínda, mais si sabemos que mentres os castros da contorna estaban habitados, alá polo s. II antes da nosa era, o das Croas, que responde ao mesmo patrón de localización, xa fora abandonado. Visitas guiadas, participación das asociacións veciñais da parroquia, voluntariado, rexistro audiovisual, charlas divulgativas dos responsables da escavación e de antropólogos como Buenaventura Aparicio e Rafael Quintía, a campaña que vén de rematar nas Croas destacou polo seu enfoque participativo, divulgativo e transversal, unha tríada que calou con forza na arqueoloxía galega de hoxe e que serve para que a cidadanía no seu conxunto, especialmente a local, tome conciencia do patrimonio cultural que é seu. Como di Fernando Pintos, o presidente da CCMM de Salcedo, "descubrimos que hai algo importante que temos que conservar, recuperar e custodiar".

Compartir el artículo

stats