Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria do peladito

De Cantinflas a Cantinflas

Cunha media de setenta e cinco producións ao ano, a década dos anos 40 foi a época dourada do cinema mexicano, motivada en parte polo contexto político internacional. México aliouse con Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial, o que lle concedeu un estatus de nación favorecida frente ás dúas potencias de cine de fala hispana, Arxentina e España, que se arrimaran ás forzas nazi-fascistas. Aos filmes do país azteca non lles faltou subministro básico, diñeiro e infraestruturas, a cambio de contratos de distribución con empresas norteamericanas polos paíes de Latinoamérica. Deste contexto favoreceuse, entre outros artistas, Mario Mortino Alfonso Moreno Reyes "Cantinflas", o cómico máis popular de América Latina, con proxección alén das fronteiras mexicanas, o cal lle permitiu rodar en Hollywood dúas longametraxes: A volta ao mundo en 80 días (Michael Anderson, 1955), na que compartía reparto con David Niven e Shirley MacLaine encarnando o personaxe de Passepartout, o criado de Phileas Fogg, e Pepe (George Sidney, 1960). En España traballou ás ordes do seu compatriota Roberto Gavaldón en Don Quijote cabalga de nuevo (1971), no papel de Sancho Panza que, por momentos, chegou a eclipsar esoutro do propio fidalgo.

O cineasta ruso Arcady Boytler, quen tivo formación teatral con Stanislavsky e Meyerhold e debutou no cinema prerrevolucionario, contribuiu a levar a Cantinflas desde o teatro de carpas, onde formou parella con Estanislao Schilinsky, até o cinematográfo coas películas Así es mi tierra (1937) e Águila el sol (1937), nas que empezou a perfilar a tipoloxía do seu personaxe. O teatro de carpas era un tipo de teatro ambulante moi popular en México a principios do século XX que representaba números moi sinxelos, humorísticos e satíricos. Debutou Cantinflas na gran pantalla con No te engañes corazón (Miguel Contreras Torres, 1936), pero foi con Ahí está el detalle (Bustillo Oro, 1940) onde as características físicas do personaxe xa están desplegadas: un miúdo bigote na comisura dos beizos, unha barba sen facer, un pequeno sombreiro, un pano arredor co pescozo e un pantalón caído.

O procedemento máis característico de Cantinflas, ademais desa vestimenta, foi a verborrea lingüística: esa forma de falar sen dicir nada que o dicionario da Real Academia Española, non así o da Real Academia Galega, acolleu como expresión procedente de México. En termos comparativos, non podemos esquecer as semellanzas que este tipo de fala ten co célebre discurso que Pepe Isbert, con diálogos de Miguel Mihura, pronuncia desde o balcón do concello aos seus veciños en ¡Bienvenido, Míster Marshall! (Luis García Berlanga, 1953). Trátase dun modo de fala urbano, simplificado e estereotipado dos barrios baixos que concreta a Cantinflas como personaxe proletario, o chamado peladito, o pícaro da cidade desprovisto de malas intencións. Chega así a converterse en icona do mexicano medio que logra escalar ao máis alto da tribuna escénica, ata acadar o protagonismo absoluto „o seu nome chega incluso a introducirse nos títulos de varias películas„ cando con anterioridade os membros da plebe unicamente existían como pintorescos e secundarios.

Houbo quen, nos anos 40 e 50, comparou a Cantinflas con Chaplin „paralelismo que se esaxerou coa interpretación de El circo (1942), película na que encarnaba un zapateiro que acaba traballando nun circo onde, nalgúns aspectos, recorda á película de Chaplin do ano 1928„, pero esta similitude é máis ben aparente que profunda.

A figura emblemática de Cantinflas quedou retratada na fachada do teatro "Insurgentes" de México, no mural pintado por Diego Rivera que sitúa o cómico no medio dos personaxes históricos de México, como Hidalgo, Morelos, Juárez e Zapata.

Biopic, 2014

  • O vindeiro mes de novembro, ao abeiro do Festival de Cine Iberoamericano de Huelva, está prevista a estrea do biopic sobre a lenda interpretativa mexicana Mario Moreno "Cantinflas", de quen se cumpren máis de vinte anos da súa morte. Nunha coprodución hispano-mexicana, o realizador Sebastián del Amo procura un achegamento á carreira profesional e vital do actor, que é interpretado por Óscar Jaenada cunha caracterización física excelente grazas a un gran parecido na fisionomía máis que notable, aspecto que xa recibira comentarios moi favorables co seu papel de Camarón de la Isla que lle valeu un premio Goya. Ademais, a longametraxe conta coa participación do músico Enrique Bunbury na banda sonora. A súa estrea en México está a esnaquizar todos os récords de recadación e agárdase que nas semanas sucesivas o film siga conquistando ao público de toda Latinoamérica. A película narra os inicios humildes de Cantinflas como actor das carpas até chegar a ser reclamado por Hollywood e gañar un Globo de ouro pola súa encarnación de Passepartout en A volta ao mundo en 80 días. A fita é unha mostra máis da propensión do cinema por narrar a historia dun ascenso desde as capas máis baixas da sociedade ata acadar o estatus de mito a ollos de varias xeracións de espectadores.

Compartir el artículo

stats