Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tempo de vendima

Días de acios e festa

Vendima nos bancais da Ribeira Sacra. // FOTO: ELI REGUEIRA

Estamos no corazón de outubro: tempo de recolleita do froito maduro, de solpores sereos, de magostos e millo acugulado en cabazos, hórreos, canastros... Tempo, asemade, de vendima, de uva convertida en mosto e este, tras a súa fragmentación, en líquido espiritoso da cor do ouro ou dun vermello de veludo. Boa parte de Galicia, desde mediados do mes pasado, é un ferver de xentes que cortan e carrexan acios en queipos; de tractores cargados de caixas nos seus remolques a percorreren carreiros tortuosos e empinados socalcos. É o outono unha gran festa perfumada con recendos de albariño, mencía, loureiro...

Cunqueiro aseguraba que foi o Císter a orde relixiosa que introduciu o viño entre nós ou, polo menos, aqueles que fomentaron e fixeron intensivo o cultivo da vide nos seus dominios monacais, e así relaciona, por exemplo, o albrariño co mosteiro de Armenteira; O Rosal co de Oia: O Ribeiro cos de Oseira, Melón e San Clodio ou aínda o de Montederramo coa Ribeira Sacra. Así e todo, a arqueloxía demóstranos que varios séculos atrás, na xeira imperial romana xa existía consumo de viño na Gallaecia, establecéndose a través dos seus portos un comercio de intercambio co Mediterráneo.

Taboada Chivite, en 1940, investigou o denominado lagar dos Mouros en Monterrei, ubicado no castro de Medeiros, e abriu cancelas sobre este asunto pouco estudado, xa que se supón que os galaicos, antes da súa incorporación ao Imperio Romano, bebían unha especie de cervexa.

O noso lembrado amigo Pedro Díaz Álvarez estudou diferentes modelos de ánforas vinarias, atopadas nos fondos submarinos da costa de Galicia e Portugal. Así vén relatar en Ánforas romanas en los caminos del mar o achado dun exemplar por parte dun mergullador no porto de Vigo, en 1965. O citado arqueólogo conxetura que tal envase puido traer moi cedo á cidade olívica algún dos célebres viños italianos da Campania ou do Lacio, ou ben os competitivos da Maresma catalá. Plinio louvaba os viños de Tarragona. Da súa parte, Estrabón menciona como no NO se consumía esporadicamente viño nas grandes celebracións; tamén afirma na súa Xeografía que foron os romanos os que, precisamente, introduciron as primeiras cepas en Galicia, se ben que estes non maduraban adecuadamente debido á frialdade do clima atlántico.

Son moitas as citas en cartafoles de plantíos de vide no noso territorio logo da caída do Imperio, sempre asociadas ao mundo relixioso cristián -cabidos catedralicios, mosteiros... Incluso as peregrinacións a Compostela conforman unha enchente de demanda de viño local. Séculos despois, chegado o reinado dos Reis Católicos, e mesmo durante os séculos XVI e XVII, "non hai convento, casa nobre ou cabido que non tivese viño e propiedades no Ribeiro", cuxo branco foi de prestixio internacional tal e como amosa a noticia que dá o licenciado Vidriera de atopar viño de Ribadavia nunha taberna de Xénova; incluso é exportado o viño ribeirao ás colonias españolas en América. Autores como Cervanes ou Quevedo tamén loan nas súas obras o sabor destes aromáticos caldos ourensáns. Asegúrase incluso que o propio Colón levou viño do Ribeiro nunha das súas viaxes ao Novo Mundo: isto foi dado a coñecer mercé a unha documentación localizada recentemente no Arquivo Nacional de Simancas.

A aparición de fungos descoñecidos até a data, como o oidium ou o mildiu e, finalmente, a chegada da temida praga da filoxera, a fins do XIX, derramaron as nosas viñas, as cales, para sobrevivir, tiveron que enxertar en patróns americanos non pertencentes á variedade vitis vinífera.

A actualidade é diferente. Galicia, coas súas bisbarras vitivinícolas ben definidas -O Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei, o val do Miño, a Ribeira Sacra, Terras de Quiroga, a ribeira de Chantada e outros espazos menores- produce hoxe unas excelentes e variados caldos que procuran xa novos horizontes de venda.

Lagares rupestres

A prensa local, durante os anos 2012 e 2013, verteu tinta sobre continuos achados de lagares pétreos -ovoides, circulares ou rectangulares e pouco documentados con amterioridade, en Monterrei, Oímbra, Ribadavia, Arbo....;arredor dun centenar deles foron aparecendo pouco a pouco, e moitos dados a coñecer grazas a Luis Paadín, enólogo coruñés, precisente da Asociación Galega de Catadores, entusiasta desta temática. FARO DE VIGO informaba do dito a través dunha reportase dominical asinada por Tere Gradín.

Os primeiros estudos realizados asocian tales lagares ruprestres á acción do prensado de uva, posiblemente tamén doutros froitos e baias. A súa cronoloxía, debido á falta de excavacións in situ é, até a data, imprecisa, se ben para A. Rodríguez Colmenero, autor do traballo Vino y aceite en el noroeste hispánico, moitas destas instalacións teñen orixe idubidablemente romana: unha tese que se podería avalar definitivamente con análises polínicas e unha investigación máis exhaustiva en castros e xacementos romanos próximos aos mesmos. Agardemos a que algún día destes si se realicen ditos labores para poñer máis luz ao respecto.

Compartir el artículo

stats