Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na baía de Vigo

Ledicia Costas

O submarino do capitán Nemo navegaba a unha velocidade moderada. O manómetro de a bordo marcaba unha profundidade de sesenta pés. Superado o Estreito de Xibraltar, penetrou en alta mar. O 18 de febreiro de 1868, despois de percorrer preto de dez mil leguas en menos de catro meses, o Nautilus rompe coa punta da súa proa as augas da Ría de Vigo.

-Pois ben, Señor Aronnax, estamos na baía de Vigo e só de vostede depende que poida coñecer os seus segredos.

Así foi como o capitán Nemo anunciou a súa chegada. Viña disposto a rescatar o botín dos galeóns afundidos no 1702 durante a Batalla de Rande, para financiar a súa peculiar expedición submarina. Aronnax fitou a través dos ollos de boi as augas escintilantes. Equipados con escafandros, os homes da tripulación examinaban cofres repletos de lingotes de ouro e prata, acios de xoias e piastras. O fondo mariño era un inmenso tesouro que a tripulación do capitán Nemo cargou no Nautilus. Deste xeito Jules Verne lograba cumprir na ficción literaria das súas 20.000 leguas debaixo dos mares o soño de innumerables expedicións arqueolóxicas: rescatar un botín que se convertera en lendario na Europa do século XIX. Vigo acababa de entrar na historia da literatura universal da man do seu gran divulgador, o autor das Viaxes Extraordinarias.

Dez anos despois da chegada do Nautilus, arribou á cidade o propio Jules Verne, que viaxaba no seu iate, o Sant Michel III. Unha treboada obrigouno a recalar na nosa baía. Ao longo de catro días o escritor participará na intensa vida social do Vigo da época. Subirá ao monte do Castro para contemplar a impoñente ría, gozará da festa da Reconquista, lerá a prensa internacional no Hotel Continental, deixarase ver nos cafés de moda. Unha das persoas que acompañan a Verne na súa viaxe é o deputado Raoul Duval, que logo da visita á verbena celebrada no Campo de Granada, dá conta da experiencia escribindo as seguintes palabras: "Pola noite, no paseo, hai música e fogos de artificio. Baixamos a terra co comandante de La Flore, que desde ese momento non se separou de nós facendo alarde dunha grande xenerosidade, e nós deixámonos guiar con moito gusto. Atopamos de todo na Baía de Vigo, no lugar onde se celebraba a festa tiñan o esqueleto dunha enorme balea cazada en alta mar uns días antes, moi ben iluminada con farois; hai unha multitude tal que semella que estamos nunha cidade de 150.000 almas cando en realidade son 15.000 ou 16.000 (...) Hai dúas bandas de música enriba de tarimas, fogos de artificio dos máis fermosos, bombas de todo tipo, tres obras montadas con sinxeleza coma un drama en varios actos con cambios de decorado á vista."

A pegada do xenio de Nantes habita discretamente en distintos lugares de Vigo. Está na estatua das Avenidas, onde o escritor descansa sobre os raxos dun polbo de dimensións extraordinarias. Ou na escultura dinámica emprazada diante da illa de San Simón, que muda en función das mareas. Tamén no Berbés, no edificio de Pereira, que unha mañá, para sorpresa dos vigueses, apareceu rotulado coas verbas do capitán Nemo dando conta da súa chegada a esta cidade máxica. Abran os ollos. Vigo borboriña segredos marabillosos que deben saír á luz. E quen sabe, talvez grazas a esta pulsión que esperta Jules Verne acabe producíndose a tan degoirada irmandade entre Vigo e Nantes, dúas cidades unidas para sempre por este bretón universal. Mentres, gocemos dun feito insólito como é celebrar o 150 aniversario da chegada do Nautilus a Vigo, unha cidade que exhala literatura por cada poro.

Compartir el artículo

stats