Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Castelo Grande de Ponte Caldelas

Interior do recinto amurallado do Castelo Grande de Ponte Caldelas.

Situado entre a aldea de Gradín e a vila de Ponte Caldelas levántase, a 487 m de altura, un monte conspicuo que a veciñanza denomina Castelo Grande, Monte Castelo ou Campo das Torres. Trátase, en realidade, dos restos dun asentamento fortificado datable na Idade Media (documentáronse algúns fragmentos cerámicos de pastas grises en superficie e os restos dunha canalización labrada en pedra) protexido pola Xunta de Galicia coa categoría de Ben de Interese Cultural, que aparece definido por unha croa "superior duns 40 m de lonxitude no eixe E-W e 20 m no N-S, delimitada por unha muralla de perpiaños". Esta, foi sacada á luz polos investigadores Aparicio Casado e Pascual Vázquez hai xa tres lustros, momento no que tomaron a fotografía que aquí incluímos.

"Cara ó Norte, e a unha cota inferior", escribe a arqueóloga Álvarez García (2004), "hai un aterrazamento disposto concentricamente ó recinto superior, duns escasos 10 m de ancho. En toda a pendente entre o recinto superior e o aterrazamento hai un potente nivel de derrube de pedras de mediano e gran tamaño, así como algún perpiaño illado. Exteriormente a este aterrazamento volve haber unha forte caída cara ó Norte, duns 12 m de altura, e ó pé deste noiro hai un foxo duns 5 m de ancho e escasa fondura".

O castelo, que -sorprendentemente- non aparece citado no preito Tabera-Fonseca, tiña encomendado o control dun territorio clave durante as Idades Media e Moderna coñecido como Caldevergazo, unha xurisdición autónoma conformada por sete parroquias (hoxe repartidas entre os concellos da Lama e Ponte Caldelas), pero propia do arcebispo de Santiago que se sitúa sobre un vao do río Verdugo e dominando o principal eixe de comunicación entre a cidade de Pontevedra e as co

Cando Álvarez Limeses publica, en 1936, o volume correspondente a Pontevedra da Geografía del Reino de Galicia, sinala en alusión a Ponte Caldelas que "en el monte Castelo hay restos de una antigua fortaleza", a mesma á que fan referencia Martínez Plasencia e Sánchez Cora (2004) no seu monumental "Ponte Caldelas. Memoria escrita dun pobo. 1500-1936", cando citan un documento datado o 21 de febreiro de 1594 que di: "presentado o beneficio de Santa Baia de Caldelas por Dª. Tareixa de Pazos de Probén Montenegro, señora da Casa do Campo das Torres, en Caldelas". Pero, ¿cal é esta Casa do Campo das Torres? Noutro documento, este datado o 18 de xuño de 1881, que tamén foi publicado polas mesmas investigadoras, D. Antonio Martínez, que fora párroco de Ponte Caldelas no segundo cuarto século XIX, xustifica que abandonase a súa anterior residencia en favor dunha "casa propia, sita en la pequeña población de Puente Caldelas, á evitar fuese robado y asesinado mediante la Casa solar fuerte en el Campo de las Torres fuese desmantelada y no existen ya más que algunos cimientos del castillo y caserío, y de las 5 ó 6 casas que había habitadas, al Norte y Poniente, ya no hay más que dos chozas habitadas por gente pobre..."

Granxas do Castelo

Esta "casa solar fuerte del Campo de las Torres" puido levantarse tamén na portela que hoxe ocupan as coñecidas como "granxas do Castelo", situadas ao suroeste do Castelo Grande a 402 metros de altura. Segundo o actual cura, a fortaleza foi derrubada nas loitas que seguiron, despois das Guerras Irmandiñas, entre Fonseca e Pedro Madruga, mais descoñecemos o apoio documental que respalde esta conclusión.

Crespo Pozo (1962) achega algo de luz sobre o Castelo Grande cando cita a dona Catalina Alonso de Pazos, sogra de Don Tristán, o mesmo que finara na Porta da Galera defendendo os castelos da Ponte do Burgo de Pontevedra en 1479. Segundo o mesmo autor, Alonso de Pazos "testó en Pontevedra en 28-VII-1557 ya muy anciana" que "era dueña de una torre cuyos cimientos aún se conservan en el sitio nombrado Campo das Torres, cercano al templo parroquial de Puentecaldelas".

A Pascual Vázquez debemos o depósito no Museo de Pontevedra dun aplique decorativo equino, colgante ou pixante de arnés atopado no Castelo Grande. Trátase dunha das pezas que pendeu da barda ou armadura dun cabalo de uso militar. Presenta forma cuadrilobular e amosa relevo por unha das súas caras, o que algún autor ten relacionado cos selos da mesma morfoloxía que estiveron en boga a finais do século XIII entre os reinos hispanocristiáns, como o que pertenceu a un tal Juan García que se conserva no Instituto Valencia de Don Juan en Madrid.

Colgante de arnés

Pendente de ser restaurado -o que permitirá un estudo máis detallado- a cara gravada semella conter a representación dun galo, un animal diurno vinculado á vixilancia e, xa que logo, cargado dunha connotación simbólica positiva, ao igual que a águia, o pavo ou a garza, en oposición aos animais nocturnos e/ou carroñeiros como o moucho, o corvo ou o abutre (Morales Muñiz, 1996).

Fundido en bronce, a súa datación estableceuse entre os séculos XIII e XIV. "Este tipo de pezas adoitaban ir colgadas das correaxes que compoñen a guarnición ou apeos das cabalerías, ou inseridos neles por medio de remaches. Segundo as referencias documentais coñecidas e as representacións artísticas da época que se conservan, irían colocadas nas cabezadas, o petral, os correaxes de diante e detrás do cabalo, e as cadeiras das cabalerías" apunta Veiga Romero (2011), que tamén sinala que "o uso de elementos metálicos para os arreos dos cabalos remóntase ao mundo antigo pero é durante a época medieval cando se converte nunha moda común en toda Europa e moi estendida polos reinos cristiáns peninsulares", se ben a súa utilización está presente en varias culturas antigas, desde a Sasánida ata Bizancio, pasando por Grecia e Roma.

Este tipo de adornos, elaborados maiormente en cobre sobredourado, servían de certificado de propiedade, ao tempo que eran portadores dun valor de prestixio, pero tamén simbólico apotropaico, isto é, servían de protección para previr as enfermidades e o infortunio, así como dar á besta que o loce forza e resistencia.

Esta peza é, xunto co colgante atopado en 1987 en Ourense con motivo da remodelación e acondicionamento para praza do solar das Burgas, un dos poucos apliques de armadura equina que se conserva nos museos galegos.

*Arqueólogo

Compartir el artículo

stats