Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Terra Vita na Guarda

O CEIP Manuel Rodríguez Sinde participa neste proxecto Erasmus + con outros escolares de seis países europeos

Alumnos de Infantil experimentan coa auga e a escenificacón do proxecto europeo.

O CEIP Manuel Rodríguez Sinde de A Guarda participa durante dous cursos escolares nunha asociación estratéxica escolar dentro do programa europeo Erasmus+. Trátase de levar a cabo o Proxecto Terra Vita con outros seis países europeos: Bulgaria, Croacia, Eslovenia, Grecia, Polonia e Romanía. Os temas centrais do Proxecto son o medio ambiente e o cambio climático, as necesidades educativas especiais, a discapacidade e combatir o fracaso escolar.

Durante o curso 2017/2018 trabállanse os catro elementos da Natureza -auga, lume, terra e aire- tendo como obxectivo fundamental promover unha actitude responsable cara o medio ambiente e un uso racional dos recursos naturais.

No curso 2018/2019 os aspectos a desenvolver serán o coñecer os animais que nos rodean e os dos países socios, afondar na importancia do coidado da natureza do noso entorno, a reciclaxe como ferramenta para un mundo sostible e darlle vida ao material de refugallo con creacións feitas polo alumnado.

Nestes dous cursos manteranse encontros dos representantes e coordinadores dos centros nos diferentes países participantes. Ata o de agora lévanse celebrados tres encontros en Bulgaria (país coordinador), Grecia e Croacia. O cuarto e último encontro deste curso académico levarase a cabo no CEIP Manuel Rodríguez Sinde de A Guarda. O obxectivo fundamental destes encontros é o intercambio de experiencias educativas e culturais dos diferentes países e a posta en común dos traballos realizados polo alumnado dos centros participantes. As plataformas utilizadas para publicar os produtos finais das investigacións feitas son E-Twinning, Facebook e Skype.

A maiores destes encontros para o profesorado, o alumnado participou en vídeos de presentación dos seus centros, que compartiron cos seus compañeiros europeos, e con motivo do Día da Terra, fíxose unha videoconferencia durante dúas horas, na que se intercambiaron mensaxes, cancións, bailes€ que tiñan como nexo común o coidado do noso planeta. En definitiva trátase dunha ventá aberta a Europa co fin de promover a cooperación e o intercambio de boas prácticas educativas.

O CEIP Manuel Rodríguez Sinde espera os días 23, 24 e 25 de maio de 2018 a visita dos países socios. Participarán da labor docente do centro, visitarán outra institución centrada no alumnado de educación especial, terán unha recepción na Casa do Concello e coñecerán o noso patrimonio e tradicións da man do alumnado e do persoal docente do Centro.

Compartir el artículo

stats