Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Escolares nas institucións

Alumnos do CEIP Feliciano Barrera de Ponteareas e Cerdeiriñas de Vila de Cruces estrean as visitas á Xunta e ao Parlamento

Escolares nas institucións

Os colexios públicos Cerdeiriñas de Vila de Cruces e Feliciano Barrera de Ponteareas estrearon o programa educativo "Coñece as túas institucións", posto en marcha entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Parlamento de Galicia. Trinta alumnos de 5º e 6º de Primaria de cada centro coñeceron as principais dependencias da Xunta en San Caetano, como son a sala da comisión de secretarios ou a sala onde cada xoves se celebra o Consello da Xunta.

Durante a súa visita a San Caetano, os alumnos foron guiados polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, que lles explicou o funcionamento diario da institución e as responsabilidades do Goberno galego. Así mesmo, os 60 estudantes tamén coñeceron o Pazo do Hórreo, sede do Parlamento Galego.

Os centros que desexen apuntarse ás ditas visitas poderán facelo no web http://www.parlamento.gal/AsTuasInstitucions/.

Lexislativo e executivo

Con esta iniciativa preténdese que o alumnado amplíe os seus coñecementos sobre os poderes lexislativo e executivo de Galicia, afondando na cultura do diálogo, da convivencia e do respecto. Deste xeito téntase favorecer unha cidadanía democrática e responsable presente e futura.

Neste sentido, coñecerán o funcionamento institucional e as fontes autonómicas de subministración de bens e servizos públicos como a educación, a sanidade, os servizos sociais ou as comunicacións; así como as dependencias onde esta actividade se desenvolve. O programa afonda na importancia social e a utilidade práctica do Parlamento e da Xunta de Galicia, máximo órgano de representación popular galega e órgano colexiado de Goberno que dirixe a política xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

O programa de actividades desenvolverase nos cursos escolares 2017/18, 2018/19 e 2019/20, e nel participarán centros educativos galegos de titularidade pública con alumnado de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de educación secundaria.

Con carácter previo ás visitas, o programa didáctico desenvolverase dentro das aulas mediante a entrega e traballo cos materiais proporcionados polas institucións para coñecer as diversas competencias e actividades dos distintos organismos.

Compartir el artículo

stats