Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Galiciencia e o cambo climático

A maior feira científica para escolares, que se celebra do 9 ao 11 de maio na Tecnópole, abre prazos para recibir proxectos

Alumnos participantes nun experimento durante a pasada edición de Galiciencia.

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole abreu o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2018 ata o próximo 28 de febreiro. Tal e como se anunciara durante a edición anterior, logo de doce anos celebrándose no outono, o evento terá lugar a partir de agora na primavera, seguindo a tendencia deste tipo de certames e para unha mellor adaptación ao calendario escolar. A seguinte cita da maior feira científica de Galicia está fixada para os días 9, 10 e 11 de maio, co cambio climático como temática central.

Coa apertura da recepción iníciase o proceso de selección dos oitenta proxectos cos que celebrará a súa décimo terceira edición. Aos 50 traballos presentados por equipos de estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP que competirán polo primeiro premio do certame, sumaranse fóra de concurso 30 proxectos máis de alumnos de Primaria e Educación Especial. Este ano, como novidade, habilítase unha categoría específica nos premios do certame para os proxectos sobre a súa temática central, nesta edición o cambio climático.

O evento terá lugar nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. A súa celebración é posible un ano máis grazas ao apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)- e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

As bases están xa dispoñibles en www.galiciencia.com, coa posibilidade de que calquera centro escolar envíe as súas propostas. Os 50 proxectos participantes na competición estarán expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e Educación Especial poderán verse en quendas de 10 proxectos diferentes cada día. Tamén se abreu na web a recollida de solicitudes de visita para grupos por parte dos centros escolares.

Co obxectivo de garantir o acceso a unha representación diversa dos centros de toda Galicia no certame, limítase a catro proxectos a exposición por cada centro. Para participar, o requisito fundamental é formar un equipo de dous alumnos e un profesor e contar a idea, xa sexa un proxecto experimental e tecnolóxico ou un traballo documental, a través do formulario de inscrición.

Os equipos seleccionados para expoñer o seu proxecto deberán achegar previamente unha presentación dixital na que se recollan os aspectos máis relevantes da súa investigación, co obxectivo de fomentar a capacidade para resumir e comunicar de forma atractiva o seu traballo de cara á celebración da feira.

Á parte de montar a infraestrutura da feira e facilitar o desprazamento e a estancia dos participantes en Ourense, Tecnópole organiza actividades paralelas para eles e para os visitantes. Este ano haberá, entre outros, varios talleres relacionados co cambio climático.

Ademais, lanzouse tamén o desafío "Atrévete co cambio climático!", que terá varias probas eliminatorias online ao longo dos vindeiros meses e que resolverá a súa fase final, de carácter presencial, durante a Galiciencia. Á súa vez, quedan convocados os concursos de fotografía para alumnos e profesores e de deseño da camiseta oficial do evento.

Compartir el artículo

stats