Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Queremos unha Galicia verde"

Alumnos do colexio Quiñones de León lembran a fin de semana dos incendios que asolaron Vigo e a súa área

Debuxo de Lucía G. Fernández.

O alumnado do CPR Quiñones de León festexamos o noso tradicional Magosto cunha visita ao Monte do Vixiador, en Vigo. Este ano, por mor dos incendios ocorridos o pasado mes de outubro, non puidemos asar as castañas no propio monte por estaren prohibidas este tipo de actividades durante un tempo, xa que o lume arrasou gran parte dos nosos bosques.

Por este motivo, queremos aproveitar este espazo para facer chegar como nos sentimos durante eses sucesos. Inda recordamos con moita mágoa ese fatídico día, no que "ía un vento quente e caían cinzas. O ceo estaba como vermello e había moito fume", lembra María Aguilar.

Algúns compañeiros non temían só pola súa seguridade "como tiña medo de que o meu can se asfixiase, acabou durmindo comigo", sinala Fernando Aragón.

"Segundo pasaba o tempo ían aparecendo máis incendios. Foi unha das peores noites da miña vida", relata Miriam Mosquera, e comezamos a sentir unha sensación de impotencia: "Eu non podía facer nada", recorda Lucía G. Prieto.

En canto os medios informaron do que estaba sucedendo, decatámonos de que o peor inda estaba por chegar, "ás oito da tarde comezou o inferno de verdade", conta Martín Domínguez. Algúns de nós recibimos chamadas de familiares e amigos nas que nos avisaban de que as lapas estaban chegando ás súas casas. "Foi un domingo difícil e de moito medo", conta Lucía Carrera. "Para min, o que fixeron aquelas persoas non tivo explicación", recoñece José C. Novoa. "O pesadelo non rematou ata o día seguinte. Ese día foi un inferno", di Xoel Romero.

A mañá seguinte apareceron as primeiras imaxes das zonas abatidas polo lume. O que puidemos ver era devastador. "Que capturen a xente que fixo esta barbaridade", pide Raquel Calderón. "Isto é imperdoable", afirma Yeray Álvarez. Nas vilas próximas, os veciños perderon os seus fogares, os seus animais. Tamén os montes que rodeaban a nosa cidade estaban completamente queimados.

"Doéme moito, porque están facendo desaparecer o lugar onde nacín, onde nos estamos criando", sinala Lucía G. Fernández. Os nenos e nenas do noso colexio pedimos que isto non volva suceder, queremos unha Galiza verde e conservar os nosos bosques.

Compartir el artículo

stats