Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mes da ciencia en galego

Actividades nas bibliotecas territoriais e escolares, espectáculos de maxia, contacontos e ciclos de cine

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a celebración do mes da ciencia en galego cunha completa programación de actividades ao longo de todo novembro dirixida á posta en valor das bibliotecas e mais do seu papel impulsor da creación e da divulgación científicas na lingua propia de Galicia.

Proxeccións audiovisuais, obradoiros de diversas temáticas para experimentar, espectáculos de maxia, contacontos, guías de lectura, mostras bibliográficas, documentais, exposicións, conferencias, un certame de microrrelatos matemáticos, repositorios con materiais relacionados coa ciencia en galego e proxectos de investigación son algunhas das propostas que se desenvolverán nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés e na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ademais de nos centros de ensino, a través das bibliotecas escolares -promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos- e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega.

Divulgar ciencia en galego

A divulgación social do coñecemento científico e da importancia da ciencia en todos os ámbitos da vida é, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o obxectivo central da programación, que inclúe propostas para todos os públicos. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, animou a todos os científicos e científicas, así como á comunidade educativa, a "faceren e a divulgaren ciencia na lingua propia de Galicia, e tamén a poñer en valor as figuras dos referentes galegos da ciencia".

"Como cada ano, a Secretaría Xeral de Política Lingüística divulga desde o Portal da Lingua Galega, en www.lingua.gal, as mellores prácticas e recursos elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego", concluíu.

As actividades das bibliotecas centrais territoriais, algunhas delas con inscrición previa, poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da web www.cultura.gal, que dispón tamén dunha app para descarga en dispositivos móbiles.

Para o desenvolvemento de boa parte da programación de actividades contouse con algunhas entidades de referencia no campo científico, como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ou o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago; ademais do apoio de institucións como a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.

Compartir el artículo

stats