Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Laboratorios de radio na biblioteca escolar

Vinte centros participan nesta iniciativa

A Consellería de Educación acaba de convocar a iniciativa Radio na biblio, un proxecto piloto a través do que 20 centros educativos de educación infantil, primaria e secundaria porán en marcha nas súas respectivas bibliotecas escolares un laboratorio de radio. O obxectivo deste programa é que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, imprescindibles na sociedade actual. Así mesmo, procúrase estimular o papel das bibliotecas escolares como "centros creativos de aprendizaxes", tal e como establece o Plan Lía 2016/20.

Asemade, búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo da comunidade educativa. Neste sentido cómpre sinalar que a posta en marcha de iniciativas de radio en centros educativos ten demostrado ser unha boa ferramenta para xerar dinámicas de comunicación, de apoio aos proxectos do centro, dos traballos elaborados polos alumnos, etc.

Poderán participar neste proxecto bibliotecas de centros públicos non universitarios integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) neste curso 2017/18 que matriculen alumnado de ensino infantil, primaria e secundaria. O laboratorio de radio poderá estar asociado un programa de voluntariado na biblioteca.

Os interesados nesta iniciativa deberán presentar a súa solicitude mediante un formulario aloxado na páxina de Bibliotecas Escolares (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/ ), a través da persoa responsable da dirección do centro. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 31 de outubro de 2017.

Para seleccionar os centros a Consellería terá en conta a valoración acadada pola memoria da biblioteca do pasado curso 2016/17 e a localización xeográfica dos centros, dando prioridade aos que se atopan en concellos do ámbito rural.

Compartir el artículo

stats