Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Congreso escolar de educación ambiental sobre compostaxe

Os traballos realizados polos seis colexios pontevedreses participantes serán recollidos nunha publicación

O grupo do CEIP Valle Inclán.

Os preto de 200 nenos e nenas de seis colexios da provincia de Pontevedra demostraron cos seus proxectos escolares que a compostaxe é a forma máis natural de tratar o lixo orgánico. Esta conclusión foi tirada no I Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe para centros de Ensino de Pontevedra organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza. Este congreso puxo fin ás actividades que se desenvolveron ao longo do curso en 16 centros de ensino de toda a provincia para dar a coñecer a compostaxe como forma de xestión do lixo de xeito lúdico: con obradoiros, xogos, relatorios e visitas a centros de compostaxe comunitaria. O vicepresidente Mosquera asegurou aos rapaces e rapazas que son "pioneiros" no traballo escolar sobre compostaxe e preguntoulles se tiñan aprendido pouco, bastante ou moito dos obradoiros realizados. A resposta non puido ser máis positiva: os nenos e nenas manifestaron ter aprendido "moito" e incluso aseguraron que seus pais nas súas casas tamén estaban dispostos a compostar o lixo orgánico.

Pola súa banda, o director do Ceida, Carlos Vales, subliñou que os traballos realizados polos centros participantes no congreso (CEIP San Benito de Lérez, EEI Verducido, CEIP Valle Inclán de O Grove, CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo , Santa Cristina de Cobres e CPI O Toural de Vilaboa) recolleranse nunha publicación que se difundirá entre a comunidade escolar da provincia.

Finalmente, o alcalde Fernández Lores explicou aos rapaces que el mesmo como veciño de Marcón ten un composteiro hai anos na súa casa e destacou que o programa de compostaxe tanto da Deputación como do Concello é unha volta "ao principio, aos nosos avós, que o aproveitaban absolutamente todo".

O CEIP plurilingüe San Benito de Lérez (Pontevedra) traballou no proxecto ´Do composteiro á horta´, que tiña como obxectivo primordial concienciar aos nenos e nenas da importancia de coidar o medio ambiente. Hai anos no centro fíxose unha horta escolar e ao seu carón instalouse un composteiro, de xeito que os escolares puideran investigar e realizar experiencias en contacto directo coa natureza,.

O CEIP Valle Inclán (O Grove) desenvolveu o proxecto ´Compostando coas mans na terra´. O que se pretendía era dotar ao alumnado de ferramentas que lle servisen para vivir en sociedade, "con experiencias coas que adquirir aprendizaxes que os fagan cidadáns capaces de construír un mundo mellor, onde a reciclaxe dos residuos e o respecto polo medio ambiente en xeral sexan unha maneira de vivir", segundo indicaron os profesores.

O CEIP Plurinlingüe de Riomaior de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) apostou polo proxecto da ´Cooperativa Riomaior´. Os recursos para esta viaxe chegaron de tres actividades diferentes: o horto escolar no que se aplicou a compostaxe e se obtiveron produtos ecolóxicos, a venda de artesanía e as manualidades ( baseadas na reutilización de refugallos) elaboradas polo alumnado. Para isto creouse una empresa ficticia ´Cooperativa Riomaior´ constituída por todos os alumnos de sexto.

A EEI Verducido (Pontevedra) ten alumnado entre 3 e 7 anos (de 1º e 2º de Primaria e de 2º ciclo de Educación Infantil) e dende hai anos contan na escola cunha horta ecolóxica na que traballan todo o curso. A ela contribuíron facendo compost coas mondas e restos das merendas "concienciando así ao alumnado da problemática dos residuos e da importancia da separación das distintas fraccións dos residuos" a través do proxecto ´Compostarte´.

No CEIP Noalla-Telleiro (Sanxenxo) o seu proxecto titulouse ´Noalla Compostando´. Os profesores explicaron que, dado o contorno de carácter rural do centro, a día de hoxe o alumnado conta con menos posibilidades de acceder aos puntos de reciclaxe que nunha zona urbana, polo que a sensibilización en tarefas de reciclaxe "é unha necesidade". Por outra parte, a iniciación no coñecemento e uso dun composteiro valorouse como un elemento positivo.

Finalmente, o CPI do Toural (Vilaboa) traballou durante o curso no proxecto ´A nosa vida no Toural: Ecolóxica, saudable e natural´. A actividade central deste proxecto foi manter a actividade dos composteiros para rentabilizar e mellorar o coidado da horta (onde hai cebolas, amorodos€) , co obxectivo de mellorar a formación do alumnado e profesorado na compostaxe.

Compartir el artículo

stats