Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Festa da Lingua das Escolas Católicas

Festival dos centros galegos no colexio Miralba

A cidade olívica recolleu o testigo das festas da Lingua organizadas ao longo de toda a autonomía por Escolas Católicas de Galicia. O colexio Miralba tornouse no centro anfitrión dunha convocatoria festiva de máis de trescentos alumnos e alumnas de varios centros da contorna

Vigo foi a sede da última, de cinco, das festas da Lingua organizadas polo departamento de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas. Como os mellores adestramentos, esta Festa da Lingua supón para a maioría dos centros unha ocasión de compartir e visibilizar con outros centros a paixón pola lingua e a cultura galega.

Máis de 300 alumnos e alumnas de distintos colexios xuntáronse con aire festivo no colexio das xesuitinas de Vigo. Houbo tempo para a música, o encontro, a memoria agradecida, a lectura de contos de Casares, saúdos oficiais e, sobre todo, para recoñecerse: a meirande parte dos participantes xa se atoparan nunha actividade de dinamización lingüística organizada polos EDLG das Escolas Católicas de Vigo co gallo do Día de Rosalía.

Na festa da Lingua, organizada polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e de Innovación Pedagóxica de Escolas Católicas e apoiado pola Secretaria Xeral de Política Lingüística, participaron Salesianos, Salesianas, Compañía de María, Xesuitinas de Vigo e o colexio Sagrado Corazón de Pontevedra. Cada centro educativo preparou unha pequena actuación-intervención coa que montar un festival a través do que coñecer máis a Carlos Casares e a súa obra. Houbo poesías, lecturas de relatos e ata un informativo do autor natural de Ourense e falecido en Nigrán no ano 2002.

Charo Baleirón, responsable do departamento de Innovación Pedagóxica de Escolas Católicas dirixiu aos rapaces unhas palabras nas que os animou a "empregar cada vez máis a nosa lingua e así coidar entre todos este grande tesouro que temos". A compañía "A tropa de trapo" amenizou cos seus contos e a súa música esta edición da Festa de Lingua na provincia de Pontevedra que tamén se fixo xa noutras localidades galegas como Ourense ou Santiago.

O acto rematou co xesto de poñerse todos os participantes unha carautas de Casares, co que simbolizar o agarimo cara a este escritor así como o desexo de parecernos un pouco máis a este sementador de palabras. Agradecendo a presenza de todos, Lidia Piñeiro, responsable do EDLG do centro anfitrión, despediu a festa convocándonos novamente a un renovado compromiso de uso e disfrute da lingua galega.

Compartir el artículo

stats