Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Premios por formación de profesorado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de galardoar sete centros escolares polos seus proxectos de formación do profesorado, que foron deseñados e implantados polos propios docentes no pasado curso. Trátase do CRA Ponte da Pedra (Carballo), do IES da Pobra do Caramiñal, o CPI As Mirandas (Ares), o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada), o CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), e os CEIP Xosé Fernández López e IES Pino Manso (ambos do Porriño).

O conselleiro Román Rodríguez destacou que a formación do profesorado é "un dos puntos cardinais da ensinanza" e xoga "un papel central" na calidade e na equidade do sistema. No caso de Galicia a formación dos docentes é unha das "fortalezas" do noso sistema educativo, sobre todo, -abondou o conselleiro-, pola aposta do Goberno galego "por manter e impulsar o papel da aprendizaxe permanente nos anos máis duros da crise".

Román Rodríguez lembrou que tanto os datos reflectidos no ultimo informe PISA, que sitúan a Galicia nun lugar destacado no conxunto dos sistemas educativos, como a redución en máis de dez puntos da taxa de abandono educativo temperá -ata o 15,2%? non son froito da casualidade, senón do traballo dos profesores, dos equipos directivos e das familias.

Modelos a seguir

O conselleiro loou o traballo levado a cabo polos docentes dos sete centros presentes por deseñar "itinerarios á carta" en función do seu proxecto educativo e necesidades, convertendo aos centros "en organizacións capaces de aprender, crear e transferir coñecemento". Os traballos galardoados son "un modelo a seguir" e un "referente" para toda a comunidade educativa, pola súa creatividade e renovación, así como polas temáticas como a intelixencia emocional, o fomento da convivencia, ou a aprendizaxe cooperativa.

Compartir el artículo

stats