Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A ESCOLA DO FAROLer conta moito

Cultura leva aos concellos 750 actividades de dinamización da lectura

Sesión de contacontos.

O programa Ler conta moito, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta en colaboración cos concellos, levará ao longo deste ano máis de 750 actividades de dinamización da lectura ás bibliotecas públicas municipais espalladas por todo o territorio galego.

Trátase dun "programa para espertar o interese pola lectura e para achegar a cidadanía ao espazo da biblioteca", tal como o presentou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no marco de O Xigante, unha actividade de Ler conta moito para público familiar, que se desenvolveu, coincidindo co Día do Teatro, na narración do actor Gonçalo Guerreiro, na Biblioteca Pública Municipal de Brión.

Ademais da de Brión, outras bibliotecas municipais de concellos como Pazos de Borbén, Cambados, Redondela, Touro, Irixoa, As Pontes da García Rodríguez, Antas de Ulla, Allariz, Cedeira, Alfoz, Cangas de Morrazo, Cerceda, Vilagarcía de Arousa, Teo, Maceda, Rodeiro, Ribas de Sil, Fene, Celanova, Corcubión, Rianxo, Sada, Miño, Ribeira, Caldas de Reis, O Grove e Catoira acollerán actividades de Ler conta moito.

Sesións de contacontos participativos, obradoiros de poesía, de ciencia ou de arte, narracións musicadas, conversas con autoras e autores ou encontros con ilustradores son algunhas das actividades deste programa dirixido a públicos diversos, con especial atención aos máis novos. ´Brinca vai!´, con Paco Nogueiras, a ´Poesía musicalizada´, de Manoele de Felisa, a divulgación científica de ´Efervesciencia´ ou ´Rosa Caramelo e outras historias´, de Talía Teatro, son algunhas das protagonistas destas primeiras semanas.

Con esta diversidade de formatos e atención a intereses diferentes, a Xunta pretende contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir.

Ler conta moito, que vai este ano pola súa quinta edición, incorporou en 2017 algunhas novidades. Así, ademais do incremento do volume total de actividades, estas están dirixidas ás bibliotecas públicas e axencias de lectura municipais, fronte ás convocatorias anteriores que incluían as actividades nas bibliotecas públicas de xestión autonómica.

Compartir el artículo

stats