Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Apoio a nenos con necesidades

A Consellería traballa para afondar en accións específicas de inclusión educativa para este alumnado

O conselleiro Román Rodríguez con representantes de 24 entidades de atención a diversidade.

A Consellería de Educación e representantes de 24 entidades e asociacións de atención á diversidade en Galicia mantiveron unha xuntanza de traballo para afondar en accións específicas encamiñadas á inclusión educativa do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). O conselleiro Román Rodríguez explicou que, no marco de negociación en marcha a nivel estatal para acadar un Pacto social e político pola Educación, se está traballando na introdución de itinerarios ou currículos flexibles para os alumnos con maiores necesidades educativas ou con situacións sociofamiliares complexas, co obxectivo de favorecer a súa permanencia e progresión no sistema.

Rodríguez subliñou que o seguinte paso é blindar a certificación de competencias e saberes destes alumnos. É dicir, que exista un procedemento regrado que lle confira valor á formación que reciben os alumnos con NEE, que en moitas ocasións non está fundamentada nos seus correspondentes currículos.

Segundo os últimos datos oficiais, Galicia é a comunidade autónoma cun ensino máis inclusivo, con máis do 91% do alumnado con NEE integrado en réxime ordinario, e atendido por máis de 4.000 profesionais. Con todo, o conselleiro recalcou que o obxectivo compartido é que ningún alumno abandone os centros educativos antes dos 18 anos; e que, a maiores, os titulados na formación básica obrigatoria se acheguen ao 100%.

A reunión serviu para analizar e poñer en común o traballo desenvolvido no último medio ano a favor da atención á diversidade e a inclusión no sistema educativo galego co fin de ofrecer unha resposta o máis axeitada posible ás demandas deste alumnado. Cómpre lembrar que Galicia conta cun Decreto de Atención á Diversidade que incorporou diferentes protocolos especializados (TDAH, autismo, atención temperá, atención educativa domiciliaria,...).

Formación do profesorado

Un dos principais eixos de actuación é a formación do profesorado, con accións específicas que se levan a cabo en colaboración con entidades especializadas que poñen a disposición os seus profesionais e a súa experiencia. Nesta liña, a Consellería vai seguir apostando pola formación permanente do profesorado, con contido específico sobre o perfeccionamento das competencias docentes co fin de mellorar a calidade e os resultados deste alumnado.

A día de hoxe, 73 centros dos 380 que contan con Plan de Formación Permanente teñen un Plan con liña específica en atención á diversidade.Así mesmo, está en marcha un grupo de traballo coas tres universidades galegas para a mellora da formación inicial e permanente do profesorado no que a escola inclusiva e a atención á diversidade figuran como unha ferramenta transversal.

Compartir el artículo

stats