Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Bibliotecas galegas, pioneiras en inclusividade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, lembrou que Galicia é pioneira na concepción das bibliotecas como recursos educativos que se adaptan ás necesidades do alumnado e en convertelas no espazo máis inclusivo do centro, no que se refire á accesibilidade, aos recursos dispoñibles, aos equipamentos, ás actividades propostas e á atención á diversidade. Así mesmo, sinalou, na 11ª edición dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe), que as bibliotecas escolares galegas foron das primeiras en incorporar o traballo para un uso crítico da información e dos medios de comunicación, en implicar ás familias nas actividades para a formación dos pequenos lectores e lectoras, ou na incorporación da robótica ou os videoxogos como novas linguaxes.

Os encontros do Plambe reuniron ós responsables dos centros Plambe, que neste curso inclúe 615 bibliotecas escolares de toda Galicia.

Resultados

O conselleiro salientou o papel fundamental que as bibliotecas escolares desenvolven e dixo que o compromiso e o esforzo arredor delas foi a razón para manter ao longo destes anos de crise o orzamento destinado a estes espazos; e indicou que os resultados acadados son moi positivos. Neste sentido, a Estatística sobre bibliotecas escolares realizada no curso 2015/2016 en todas as CCAA indica que no 95,8% das bibliotecas dos centros galegos se desenvolven tarefas para o fomento da lectura, que en 3 de cada 4 se realizan actividades para a formación de usuarios ou actividades culturais e encontros literarios, e que en máis da metade (57,5%) levan a cabo tarefas específicas de tratamento da información e competencia dixital. Ademais, en 6 de cada 10 centros as familias acoden ás actividades da biblioteca escolar, o que redunda en beneficio de toda a comunidade educativa.

Román Rodríguez felicitou a docentes e coordinadores de bibliotecas por estes fitos e animalos a seguir traballando.

Compartir el artículo

stats