Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Premio á creatividade escolar

O festival de Cinema OUFF Escola entrega os seus premios aos audiovuais que fomentan o uso do galego polos máis novos

Valentín García entrega un premio aos alumnos dun dos colexios gañadores.

O Festival de Cine Internacional de Ourense entregou os premios do certame "OUFF Escola", que recoñecen os mellores traballos audiovisuais realizados por escolares galegos e no que participaron máis de 3.400 rapaces que presentaron 119 pezas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou na gala de entrega de galardóns que recoñecen a creatividade audiovisual en lingua galega dos máis novos.

García Gómez sinalou que o departamento que el dirixe apoia o OUFF Escola desde a súa primeira edición "polo seu potencial dinamizador da lingua galega, dado o seu papel na promoción da creatividade dos máis novos no idioma propio de Galicia e na extensión do uso do galego no audiovisual".

Traballos premiados

O certame de cine escolar do Festival Internacional de Cine de Ourense, o OUFF Escola, é unha cita xa consolidada que chega con excelente saúde á súa VII edición. Disto dan testemuña os 119 traballos presentados ao concurso, nos que se involucraron 3.400 estudantes de educación infantil, primaria e secundaria.

O primeiro premio da categoría de infantil e primaria recibiuno desta volta o CEIP Plurilingüe Otero Novas pola curta de animación "O mago rosa", que obtén deste xeito o seu segundo recoñecemento, pois fora tamén distinguida no certame Nós tamén creamos! da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O segundo premio recaeu en "Ranilda", do CEIP A Lama, e o do mellor guión foi para ao CEIP Torre Illa por "A chave dos 6000 presos".

Na categoría "Demais niveis de ensino non universitario" recoñeceuse co primeiro premio o filme do CPI Virxe da Saleta "Os xeranios do señor Alfonso". O segundo premio recaeu no IES Chamoso Lamas polo traballo "Sons do camiño" e o premio ao mellor guión obtívoo o CPI Antonio Failde por "O capitán penedo".

Ademais, o xurado decidiu outorgar mencións especiais aos traballos presentados polos seguintes centros educativos: CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu, polo seu traballo "A máscara do león",o CEIP Coirón de Dena, o CEE Vilagarcía de Arousa e o IES do Camiño.

OUFF Escola

O OUFF Escola enmárcase nunha das liñas de traballo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística: promover o cinema como ferramenta de dinamización lingüística entre a mocidade a través do apoio e da posta en marcha de diferentes programas, entre os que podemos sinalar Nós tamén creamos! ou a sección Cans do Futuro do Festival de Cine de Cans.

A relación do galego co audiovisual nas aulas propicia que os escolares melloren a súa competencia lingüística ao expresárense nesta lingua en contextos e soportes variados, entre os que non pode faltar, pola importancia que adquiriu na sociedade da información, o audiovisual. Por outra banda, favorece que as novas xeracións asocien o galego ás tecnoloxías e formas de comunicación máis innovadoras e interesantes para a mocidade, de xeito que o perciban tal como é: coma unha lingua moderna e útil para expresarse en calquera contexto, soporte e situación.

Compartir el artículo

stats