Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un verán de moita lectura

O programa "Ler conta moito" chega ao inicio de curso con máis de cuarenta actividades en setembro

Unha das actividades do programa "Ler conta moito", nunha biblioteca galega.

O programa de dinamización da lectura "Ler conta moito" despidíu o verán con 44 actividades que se desenvolveron ao longo deste mes de setembro nas bibliotecas públicas e axencias de lectura de 29 municipios galegos.

Os municipios de Moaña, de Cangas do Morrazo, de Mos, de Poio, de Covelo, de Campo Lameiro, de Vilaboa, de Baiona e de Redondela, na provincia de Pontevedra; os concellos de Muxía, Corcubión, Santiago de Compostela, Ordes, Ames, Arteixo, A Coruña, Oleiros, Sada, Mugardos, Neda, Ares e Cerceda, na provincia da Coruña; as localidades lucenses do Valadouro, de Cervo, de Carballedo, de Sarria e de Monforte de Lemos; e os concellos ourensáns de Viana do Bolo e de Esgos, foron os escenarios de "Ler conta moito".

Para todos os públicos

Os máis cativos foron os protagonistas dunha programación que tamén incluíu propostas para a mocidade e o público adulto, co fin de os achegar aos libros e de fomentar, a través de diferentes propostas, o hábito lector. A música, a maxia, as artes plásticas, os monicreques, a ciencia, a danza, o audiovisual e a banda deseñada estiveron presentes nas actividades que desde o pasado mes de marzo e ata o vindeiro mes de novembro ofrecerá a cuarta edición desta iniciativa.

Obradoiros creativos a cargo do ilustrador Anxo Fariña, o cabaré das Irmáns Prodixio, a maxia e a música de Álvaro Muras, os monicreques de Carballo con Botas, o teatro infantil de Elefante Elegante, os deliciosos personaxes do obradoiro ´Coas mans na masa´, de OQO editora, e os contos nados do mar de Raquel Queizás foron algunhas das propostas que ofreceu "Ler conta moito" na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Dinamizar a lectura

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, e en colaboración coas entidades locais, a cuarta edición deste programa de dinamización da lectura ofrecerá ata final de ano preto de 750 actividades nas catro provincias galegas, a través das bibliotecas e axencias de lectura públicas inscritas nesta iniciativa.

O calendario completo coas actividades pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da páxina web www.cultura.gal/axenda. E tamén está accesible na rede o blog do programa, a través de http://blogs.xunta.gal/lercontamoito/

Compartir el artículo

stats