Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O dragón regresou ao Pico Sacro

Máis de 200 alumnos de seis centros participan na terceira edición do programa educativo do Proxecto Dragal da escritora Elena Gallego

Os participantes reciben instruccións sobre o desenvolvemento do xogo.

Cabaleiros, mestres das artes, doncelas, exploradores e sabios... Mais de douscentos escolares das catro provincias galegas transformáronse por obra do dragón literario Dragal, da escritora Elena Gallego Abad, en personaxes dun xigantesco xogo de rol en vivo. Foi no entorno do Pico Sacro, no concello de Boqueixón, que o 27 de maio volver ser habitado por dragóns máxicos.

Fantasía e realidade confluíron na celebración deste evento, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo o broche de ouro ao Proxecto Dragal 2015-2016. Este programa educativo, que promove a lectura e a creatividade multidisciplinar en lingua galega, desenvolveu a súa terceira edición no IES de Becerreá, o CPI Cernadas de Castro de Lousame, o CPI Plurilingüe de Vedra, o IES nº 1 do Carballiño, o IES de Cotobade e o IES Salvaterra do Miño.

A elección do Pico Sacro para a celebración deste multitudinario xogo de rol está directamente vinculada á mitoloxía galega do dragón, figura fundamental da serie literaria Dragal, de Elena Gallego Abad. Protagonizadas por un mozo galego da época actual, as novelas mesturan historia, lendas e tradicións galegas entre as que destaca a lenda xacobea recollida no Códice Calixtino. O Mito da Translatio, sobre o traslado do corpo do Apóstolo Santiago dende terras de Palestina a Compostela, relata como os seus discípulos, enviados a este lugar pola Raíña Lupa, tiveron que facer fronte e vencer ao dragón do Pico Sacro.

O xogo iniciouse na capela do Pico, onde os seis equipos foron recibidos por un personaxe interpretado polo actor César Cambeiro. A partir deste punto, os integrantes de cada equipo tiñan que superar diversas probas que foron atopando na xincana, representando os distintos papeis que lles foran asignados previamente. O xogo de rol, que se estendeu ao longo de tres horas, rematou na igrexa de Lestedo co nomeamento dos cabaleiros e donas de Dragal. Deseguido, os participantes foron trasladados de novo ao Pico Sacro, onde se celebrou un multitudinario xantar campestre. Antes da entrega de diplomas, os capitáns dos equipos aínda deberon resolver un último enigma, que os levou a descubrir un tesouro na mesma cova do Pico Sacro que habitou o dragón das lendas.

A celebración deste III Encontro Dragal o venres 27 de maio propiciou unha feliz casualidade, ao coincidir a data co aniversario da autora de Dragal. E así, a escritora recibiu por sorpresa a emocionante felicitación dos máis de douscentos rapaces asistentes a este encontro que, durante o acto de entrega de diplomas, lle cantaron o "cumpreanos feliz" no Pico Sacro.

Ademais da escritora Elena Gallego, neste acto de peche da terceira edición do Proxecto Dragal estiveron presentes, entre outros, o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, Elvira Casal.

PROXECTO DRAGAL 2015-16

Este III Encontro Dragal celebrado no Pico Sacro pechou a terceira edición do Proxecto Dragal, promovido dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización. A iniciativa chegou este curso a 225 alumnos e alumnas de 6 centros de ensino secundario das catro provincias galegas: o IES de Becerreá, o CPI Cernadas de Castro de Lousame, o CPI Plurilingüe de Vedra, o IES nº 1 do Carballiño, o IES de Cotobade e o IES Salvaterra do Miño

O programa promove a lectura e a creatividade en lingua galega a partir da lectura e análise dunha novela fantástica, Dragal, da que é autora Elena Gallego Abad. Dende o mes de xaneiro os centros realizaron a súa particular "dragalización", ambientando diversos espazos con dragóns e outros motivos da serie literaria. Tamén elaboraron vídeos de presentación cos que se deron a coñecer aos outros institutos participantes.

Outra das actividades destacadas foi a visita que a escritora realizou a cada centro para manter encontros co alumnado. A escritora e os seus lectores tiveron oportunidade de falar da orixe da saga Dragal e o proceso de creación literaria.

Xa na terceira evaluación, os centros realizaron tarefas de investigación e de creación arredor do patrimonio inmaterial galego, que culminaron na recollida de lendas da contorna de cada centro educativo. Tamén recibiron a visita do contador César Cambeiro.

Compartir el artículo

stats