Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

CEIP GARCÍA BARBÓN

Educar a través da noticia

O CEIP García Barbón recibíu un premio polos seus traballos medioambientais. R. Grobas

Ninguén dubida hoxe en día do valor dos medios de comunicación e da súa incorporación, como ferramenta educativa, ao currículo escolar. A prensa escrita achega cada día á escola a realidade inmediata cumpríndose o principio fundamental da escola que é educar na vida e para a vida. Os mestres xa non podemos nin debemos acudir ao libro de texto como única ferramenta para desenvolver as actividades na aula. Xa que ler e escribir son actividades comunicativas, cremos que os nenos/as deben de entrar en contacto con textos reais desde o inicio da súa formación escolar.

Entre as razóns que xustifican a incorporación da prensa á aprendizaxe podemos salientar que: a prensa permite aos alumnos contrastar os diferentes puntos de vista sobre un mesmo tema; axuda a diferenciar entre información e opinión, aumentando a capacidade de comprensión lectora pois, traballar na elaboración da noticia, permítenos reflexionar sobre os textos e facer de nós lectores reflexivos e críticos. Por outra parte, o feito de elaborar un xornal integramente en galego e de implicar os alumnos neste arduo traballo pareceunos a mellor maneira de dinamizar a lingua galega no noso centro.

A escrita xornalística, igual que calquera outra escrita, consiste en aclarar e ordenar información, e é aí onde entrou o papel dos mestres/as como "mediadores" ou moderadores, aprendéndolles aos alumnos/as técnicas para desenvolver esas ideas e organizalas.

Ao elaborar a noticia os nenos/as tomaron contacto con diversas fórmulas xornalísticas que lle permitiron elaborar os textos: desde a tormenta de ideas (brainstorming), a técnica da "estrela" (segundo a cal na noticia ten que especificarse quen, que, cando, onde, como e o por que) a exploración do tema (definir, comparar e argumentar), tomar notas, ordenar as ideas?

Pero os xornalistas do noso colexio tiveron que aprender a "limpar" esas ideas, seleccionar toda esa materia prima. Ordenar e estructurar os artigos non foi unha tarefa doada para eles xa que supuxo a toma de decisións relevantes que tiñan, como fin último, o enfoque do texto cara aos seus receptores.

Os alumnos/as déronse de conta de que reescribir é o segredo. Aprender a compoñer un texto, comprometerse co lector para ofrecer un traballo de calidade, un texto claro, conciso, ben enfiado, ordenado e estructurado require escribir e reescribir.

Para rematar, transmitir os nosos parabéns a todos os colexios participantes do primeiro concurso Faro da Escola e dar as grazas ao equipo de Faro de Vigo e aos patrocinadores e colaboradores que fixeron que este proxecto puidese levarse a cabo.

A relevancia dos premios? O mellor premio, sen ánimo de equivocarme, foi para todos os participantes a materialización do traballo impreso nunha rotativa, convertido nun verdadeiro xornal.

Compartir el artículo

stats