Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Treboada de creatividade no colexio Martín Códax

Imaxe das actividades no colexio Martín Códax na Semana Cultural.

Un ano máis unha treboada de creatividade e ganas de aprender inundou o Colexio Martín Codax de Vigo. Como é xa tradición, en primavera, a actividade cotiá do centro escolar troca durante unha semana, e unha fervenza de actividades toma corpo ao longo da escola.

Os alumnos disfrutan e valoran a ´Semana Cultural. "A experiencia cambia segundo a idade", di un grupiño de alumnas de 4º de ESO. É certo. Os alumnos de primaria amosan verdadeira ledicia, a novidade de non ter clase de "mates" ou de "lingua" ao uso parécelles unha grande idea. E os profesores, convertidos en bombeiros, xestores museísticos ou electricistas improvisados, apagalumes, observan o froito dun longo proceso de elaboración man a man cos alumnos de secundaria, coidando dende a sombra de que todo vaia ben. Saben que o que os rapaces e rapazas aprenden coa práctica é significativo, permanece.

"De nenos non eramos conscientes de todo o que aprendiamos -opina Jacobo S., alumno de 3º de ESO-, eu aínda lembro actividades de hai anos: o volcán de lava, o foguete a presión ou a ´fonoleira´. Sen dúbida son recordos inesquecibles". E Rui E., compañeiro do anterior, engade: "Despois, cando xa che toca desenvolver as actividades a responsabilidade é moito maior. As cousas teñen que saír ben. Os nenos e nenas de primaria son moi esixentes: queren aprender, queren divertirse e quéreno xa. É realmente estresante".

A actividade é frenética: grupos de nenos e nenas conducidos por outros de sorpresa en sorpresa; artistas urbanos decorando o muro perimetral da escola; sons de música tradicional ou de teatro que se agochan tras cada porta; un mundo por percorrer e descubrir. E para contalo un equipo de alumnos adopta a función xornalística e, enfundados nos seus petos amarelos, saen a contar a noticia, a levar a escola fóra da escola e, por unha vez, amosar cara ao exterior todo o que poden ser. A través da páxina de Facebook da escola, do Twitter (@colemartincodax) e do blog adicado á Semana Cultural (martincodaxsemanacultural2016.blogspot.com) dan cumprida conta dos eventos da semana.

"É un traballo esgotador en canto a preparación, pesado na xestión e quizais un pouco gris -admite un profesor-, pero a recompensa é valiosa. Os alumnos, coa nosa axuda, desenvolven as actividades, fanse responsables e lévanas a termo. E amosan a súa satisfacción cando ven que os plans saen ben. E buscan solucións cando xorden problemas. Quen dixo medo? Ciencia, arte, teatro, música, vida€, todo está conectado!".

Compartir el artículo

stats