Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura e plástica en Valadares

Obradoiros de poesía, exposicións, visitas de colexios e charla con Manuel Rivas

Alumnos participantes no obradoiro coa poeta galega Dores Tembras.

O Instituto de Valadares, baixo o paraugas da Biblioteca e ao abeiro do Plan de Mellora da Lectura e Escritura, dos Clubs de lectura e da colaboración de distintos departamentos , ven de organizar múltiplas actividades que potencian a expresión artística no eido da literatura e da plástica e visual:

O escritor Manuel Rivas, O´Rivas, compartiu dúas horas no centro. "Engaiolounos, a profesorado e alumnado, co seu xeito de ser e coas súas palabras, que perdurarán en nós moito tempo. Transmitiunos amor pola literatura, a necesidade de saber compartir o mundo cos animais ( "a salvaxe compaña"), o respecto á Terra e a valoración da nosa lingua, a lingua galega. Todo isto a través de referencias á infancia, adolescencia e ao momento presente; e a través tamén de múltiplas referencias literarias", explican dende o instituto. "Vimos nel, e así tamén se autodescribiu, unha persoa á que lle gusta escoitar, explorar: " oír o choro que vén de fóra para ser calquera cousa na vida o esencial é escoitar".Rivas foi agasallado cun ramo co " toxo que doura os montes de Galiza", lembrando así ese momento de 2009 en que el ingresa na RAG cunha flor de toxo na man. Ao final do acto entregáeonlle dous gravados realizados polo alumnado de Plástica con deseños baseados en portadas dos seus libros. Antes de saír, asinou o vinilo situado no chan do "paseo das estrelas literarias", non sen antes recoller no andel situado á entrada do instituto e que leva por nome: "Cartafol de poesía. O poema da semana" varias copias do seu poema "Fonema" pertencente ao libro Costa da morte blues,co cal traballaramos días antes.

Adiantándose á celebración do día do libro " interactuaron" cos colexios de procedencia do alumnado: o CEIP Josefa Alonso, o CEIP Sobreira-Valadares e o CEIP Mestres Goldar. Houbo lecturas de contos ás e aos máis pequenos de infantil por parte do alumnado de 2º ESO; representación de obras de teatro a cargo do alumnado de 3º ESO, e con motivo tamén do Ano Cervantes (400 anos da morte) transformaron a entrada do Centro e convertéronno nunha galería de obxectos, libros, imaxes, frases célebres ... relacionadas con Cervantes e a súa obra.

Por outra banda, os alumnos de 2º e 1º ESO analizaron e puseron a proba os "mecanismos" da creación poética nun Obradoiro de Literatura e Graffiti dirixido pola poeta galega Dores Tembras. O obradoiro deu uns resultados enormemente positivos, arrincou grandes palabras do alumnado e fixo agromar sentimentos.

Paseo das estrelas literarias

Na entrada, preparouse vinilo a vinilo o paseo, a alfombra das estrelas literarias, coas sinaturas das escritoras e escritores que visitano instituto, en vinilos situados no chan coa fotografía, biografía e un fragmento narrativo ou poema.

"Nós cremos que a poesía é un magnífico medio de chegarmos a todas as persoas que se deixan engaiolar pola forza das palabras que conviven en versos e estrofas. Con este fin, e coa colaboración indispensábel do departamento de Plástica e Visual, deseñamos un andel á entrada do instituto que denominamos: "Cartafol de poesía. O poema da semana", onde cada sete días "pousamos" un poema que toda a comunidade educativa -alumnado, nais, pais, persoal non docente, profesorado- poderá recoller e ir creando semana a semana e ano a ano un cartafol con todos os poemas publicados. Se o poema está escrito nunha lingua estranxeira, publicamos o poema na lingua orixinal e a súa tradución ao galego, agás en portugués, que por razóns obvias de proximidade lingüística e porque non a sentimos como allea, só publicamos na lingua orixinal", resaltan dende o instituto.

Exposición de gravados

Tamén se montou unha exposición dos gravados realizados polo alumnado de Plástica e Visual. Este alumnado é o que deseña os gravados que lles regalan aos invitados.

Asemade, e grazas ao interesantísimo traballo de recollida de poesía amorosa en lingua portuguesa por parte da profesora-asistente de portugués, o vestíbulo do instituto acolle a exposición destes poemas. Contan coa colaboración do alumnado de Plástica e Visual de 4º ESO.

Compartir el artículo

stats