Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un patrimonio de excelencia

Ponte... Nas ondas! celebra a Mostra da Oralidade e a gala dos dez anos a prol do recoñecemento do patrimonio inmaterial pola Unesco

Xurxo Souto entrevista á cantante Uxía.

O 25 de novembro é unha data moi especial para a asociación Ponte...nas ondas! e por esta razón quixeron celebralo e compartilo coas persoas e comunidades portadoras do patrimonio común galego-portugués. Lembran que desde hai dez anos, este patrimonio agarda pola súa inscrición na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade da UNESCO e poñen como exemplo o flamenco que non sendo proclamado en 2005, as administracións conseguiron inscribilo en 2010. No caso do patrimonio oral galego-portugués a propia UNESCO recomendou voltar a presentar de novo a súa candidatura. Pero o traballo de PNO! continuou e tivo o seu recoñecemento coa obtención do premio Ondas pola "mellor cobertura informativa" deste patrimonio.

Temos patrimonio!

Tui acolleu a celebración da Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, que baixo a denominación ´Temos Patrimonio!´ convocou no Teatro Municipal ao alumnado de once centros educativos de Galiza e do Norte de Portugal co obxectivo de transmitirlles as manifestacións da tradición oral a ambos lados da fronteira. Tradición que se mantén viva a través da música, o teatro, a narración oral€

Na Mostra participaron o escritor e músico Xurxo Souto; o grupo de música tradicional Tradisón, liderado por Xurxo Antúnez; o grupo de música A Gramola Gominola, e a compañía de teatro portuguesa Graeme Teatro. A Mostra contou co apoio da Xunta e do proxecto europeo CampUSCulturae que coordina a Universidade de Santiago.

A Gala

Ao atardecer do día 25 ecoaron polas rúas de Valença do Minho e de Tui, os sons das treboadas e os zés pereiras anunciando que o patrimonio galego-portugués ía daríase cita no Teatro Municipal de Tui. Os atronadores sons dos bombos, dunha e doutra beira do Miño, abrían unha gala que durante dúas horas mantería ao público emocionado co que vía e escoitaba, manifestacións de excelencia do seu patrimonio. Foi o propio condutor da Gala quen se puxo á fronte dos bombeiros das treboadas. Xurxo Souto, o trebón da noite que mantivo coa vitalidade e forza da súa palabra o espíritu da gala.

Unha Uxía de voz esplendorosa calmou o auditorio cun alalá que encheu de emoción aos asistentes e Narf acompañouna cuns sons de guitarra eléctrica que desafiaban a pandeireta nas mans de Uxía.

Foi nunha radio, colocada no escenario, onde Xurxo Souto exerceu de locutor-presentador e desde onde se escoitaron no dial as Vozes da Rádio, o quinteto vocal do Porto. Un auténtico torrente de voces que ademais de realizar todos os sons de instrumentos e percusións coa súa voz, divertiron con temas satíricos.

E co sorriso aínda nos beizos, a palabra de Quico Cadaval ocupou o estudio radifónico nun man a man entre dous grandes comunicadores. Quico Cadaval explicou que o patrimonio galego-portugués salta por riba das fronteiras e hoxe é unha aunténtica rede de unión na lusofonía e contou historias relacionadas co contrabando e a fronteira. Do outro lado do río, recén chegado de Australia, Augusto Canario, acompañado por Cándido Miranda fixeron unha demostración de enxeño e axilidade interprentando diversas modalidades de regueifas e desgarradas. Remataron cun tema de Nelson Vilarinho de Covas, un dos grandes tocadores de concertina xa desaparecido e a quen desde Ponte€nas ondas! se quixo render homenaxe como exemplo de persoa portadora do patrimonio.

As Cantadeiras do Neiva exhibiron unha prodixiosa policromía vocal na interpretación de cantos tradicionais recollidos no norte de Portugal. Lembraron que o grupo foi a voz e a imaxe do proceso da Candidatura hai dez anos e mostraron a súa disposición a continuar a apoiar a inscrición deste patrimonio na UNESCO.

E deste lado chegaron as poderosas Malvela que demostraron que enriba do escenario son a mellor expresión de vitalidade do patrimonio oral e músical, acompañadas por uns recoñecidos Santi Cribeiro no acordeon ou Pablo Ces na percusión. A súa mentora, Uxía, cantou un vira e lembrou á Sra. Carme, considerada un "tesouro humano" e a quen tamén se homenaxeou. A interpretación do Natal dos simples do Zeca Afonso, xunto aos Vozes da Rádio, demostra que Malvela non ten ningún tipo de dificultades para ampliar os seus rexistros.

Xa coa festa montada enriba do escenario e co publico entregado, chegaba o fin da Gala, con dúas horas transcurridas, e chegou o Pirim pim pim, a melodía galego-portuguesa que todos cantaron, artistas e público con coreografías incluídas. E mesmo aínda houbo outra e a oportunidade de realizar unha onda a favor do patrimonio cun Xurxo Souto dicindo: Medre o patrimonio inmaterial galego-portugués !

A Gala do Patrimonio foi unha homenaxe ás persoas e comunidades portadoras da cultura popular, esa que deu orixe a tradición oral galego-portuguesa en forma de cantigas nas que se inspiraron os trobadores e xograres medievais.

Compartir el artículo

stats