Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dinamización cultural con Dragal

A escritora Elena Gallego xunta a preto de 400 rapaces para practicar o xogo de rol sobre as súas novelas no Pico Sacro

Imaxe das actividades do xogo de rol do Encontro do Dragal.

Cando a escritora Elena Gallego Abad comezou a escribir a historia de Dragal, para superar o reto dun fillo adolescente e fan incondicional de todo tipo de sagas fantásticas, non podía imaxinar que as súas aventuras inspirarían o maior xogo de rol celebrado en Galicia. A súa idea de crear unha serie de novelas protagonizada por un mozo galego da época actual, mesturando lendas, historia e tradicións galegas, deu pé ao desenvolvemento dun proxecto educativo promovido dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que culminou coa celebración deste Encontro Dragal no entorno do Pico Sacro, en Boqueixón (A Coruña).

Preto de catrocentos rapaces, procedentes de centros de ensino das catro provincias galegas (Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa), participaron neste gran xogo de dinamización literaria e cultural, organizado por Política Lingüística coa colaboración do Concello de Boqueixón.

Cun itinerario previamente programado por razóns de organización e seguridade, o xogo de rol pretendía dar a coñecer a historia galega a través dos seus personaxes, descubrindo aos mozos e mozas participantes os segredos do entorno do Pico Sacro. Con esta proposta de modelo alternativo de lecer tamén se estimulou a imaxinación e creatividade da rapazada, fomentando o seu traballo en equipo.

Tradicións e lendas envolven o Pico Sacro, un dos espazos de referencia da cultura galega. A elección deste entorno para o desenvolvemento do II Encontro Dragal está directamente vinculada á mitoloxía galega do dragón, figura fundamental da serie literaria de Elena Gallego Abad. De feito, Dragal incorpora nas súas páxinas a lenda xacobea recollida no Códice Calixtino. O Mito da Translatio, sobre o traslado do corpo do Apóstolo Santiago dende terras de Palestina a Compostela, relata como os seus discípulos, enviados a este lugar pola Raíña Lupa, tiveron que facer fronte e vencer ao dragón do Pico Sacro.

Centros educativos

O Encontro Dragal 2015 é o broche de ouro do Proxecto Dragal, un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que, partindo da obra de Elena Gallego Abad, mestura a historia e mitoloxía galegas, o uso das novas tecnoloxías e o fomento do galego.

O xogo de rol contou con representantes das catro provincias galegas. Dende A Coruña desprazáronse alumnos do IES Rafael Puga Ramón e do CPI Virxe da Cela de Monfero; pola provincia de Lugo acudiu o IES de Becerreá; como embaixadores de Ourense actuaron os rapaces do IES Taboada Chivite de Verín; e a representación da provincia de Pontevedra correspondeulles ao IES Bouza Brey e ao IES Castro Alobre, ámbolos dous de Vilagarcía .

A xornada comezou cos alumnos integrándose neste gran xogo de rol, que se estendeu ao longo de tres horas a través dunha ruta programada na que deberon superar diferentes probas relacionadas con personaxes da obra literaria de Elena Gallego. Ao remate do xogo, todos os rapaces compartiron un xantar que rematou coa entrega de diplomas pola súa participación.

Neste acto de peche estiveron presentes, entre outros, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen valorou "a creación dun lecer alternativo baseado na nosa cultura literaria, así como nas nosas tradicións e historia". A propia autora participou nas actividades e puido conversas cos rapaces sobre a súa obra, motivo principal deste encontro, ademais de asinar exemplares dos seus libros.

Compartir el artículo

stats