Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Contacontos para FalaRedes

Nova campaña do plan de dinamización lingüística na que participan vintesete concellos e tres mancomunidades

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García (c.), presentou o programa de dinamización lingüística FalaRedes 2015. Xoán Crespo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou a nova actividade en xira do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2015, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará por entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta. Trátase dunha actividade exclusivamente oral que, en palabras de García, "quere poñer en valor a transmisión oral e o poder da mesma". Serán 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) as que gocen deste nova proposta de contadores, que está programada para os meses de outubro e novembro.

Os contadores Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego serán os encargados de levar adiante estes contacontos para público de calquera idade que se pon en marcha cos obxectivos primordiais de incentivar o uso do galego oral como ferramenta de creación artística, aumentar a oferta de actividade cultural en lingua galega e máis espallar o traballo dos artistas que realizan a súa actividade na lingua propia de Galicia.

O outono é tempo de xuntanzas a carón do lume para escoitarmos os contos que, de xeración en xeración, veñen transmitíndose en lingua galega. Contos novos e vellos, cheos de intriga ou de humor, é precisamente o que nos trae esta nova actividade de FalaRedes.

O calendario desta edición, que vai ata o 29 de novembro, inclúe un total de 27 localidades galegas: A Baña, A Cañiza, A Lama, Arzúa, Barro, Boiro, Cabana de Bergantiños, Carballedo, Carral, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Corcubión, Cotobade, Cuntis, Mondariz, Ordes, Outeiro de Rei, Outes, Palas de Rei, Pereiro de Aguiar, Ponte Caldelas, Quiroga, Rois, Salceda de Caselas, San Critovo de Cea, Val do Dubra, Valga, Viana do Bolo, Vilaboa e Zas.

A estrea do espectáculo foi en Carballedo da man de Inacio Vilariño e en Zas o mestre de cerimonias foi Santi Prego.

Todas as datas e espazos de celebración pódense consultar no web institucional www.lingua.gal e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.

A cuarta edición do programa FalaRedes trae consigo propostas de lecer en galego pensadas para todas as idades. Con elas preténdese promover o uso e máis a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Compartir el artículo

stats