Entre todos os obradoiros que a Asociación ORAL de Galicia organiza ao longo do curso en centros escolares da comunidade, teñen un peso significativo aqueles que realizan para o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, tanto por tradición (van pola décimo oitava edición) coma polo volume (24 sesións nunha docena de institutos e colexios, tanto públicos como privados e concertados).
Impartidas por Pinto D´Herbón e Luís O Caruncho, estas clases teñen o seu broche de ouro no Certame de Regueifas Escolar do Concello de Vigo, que desta vez celebrouse o 27 de abril, de novo no auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares.
Ao longo de toda a mañá, medio centenar de estudantes dunha ducia de centros educativos da cidade -máis os convidados do instituto de Vila de Cruces- animaron aos 117 alumnos participantes no concurso. Tras varias eliminatorias, resultaron nomeados como ´regueifeir@s en cernes" Lidia Codias, do IES Sto. Tomé de Freixeiro; Lucía Alvarez, do IES Alvaro Cunqueiro; Roi Casal, do IES Marco de Camballón de Vila de Cruces; e Carla Capeans, do IES Quiñones de León.
O Santo Tomé, como colexio cun maior número de finalistas (seis), levou a rosca de 5 kilos, mentras que o Marco de Camballón foi agasallado cunha de 3 kilos, para agradecer a súa visita.
Rematado o certame, programaranse máis obradoiros de balde para a mocidade, polo que dende ORAL animan aos interesados a que se apunten no correo oral@regueifa.org e acudan ás clases gratuitas que promove o Concello no Centro de Interpretación da Oralidade.