Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Valladares comeza o Nadal a ritmo de regueifa

O certame internacional organizado polo centro veciñal celebra a súa vixésima edición do 15 ao 17 de decembro

Regueifeiros participantes na pasada edición do certame. // Alberto Costas

Cando o 14 de maio de 1995, o Certame Internacional de Improvisación Oral celebraba a súa primeira edición no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, aos seus organizadores nin se lles pasaba pola cabeza que o evento chegaría a cumprir vinte anos. Pero velaí está, con mellor saúde ca nunca, tras dúas décadas de compromiso coa cultura oral de Galicia.

"Dámonos por satisfeitos co realizado ata a data, xa que nos honra dicir que por este certame levan pasado primeiras figuras do punto cubano, do canto ao desafío, da glosa, do bertsolarismo, do trovo, dos verseadores, dos poetas, da pallada... En definitiva, do mundo do repente pero tamén xente importante doutras disciplinas asociadas directa ou tanxencialmente coa improvisación en verso, como o teatro improvisado, o rap, o recitado poético ou a canción retranqueira", afirma Carlos Alonso, programador do certame.

A edición deste ano, que terá como escenario o auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, celébrase os días 15, 16 e 17. As dúas primeiras xornadas adicaranse ás manifestacións periféricas da regueifa, comezando con Lara de Cea, o venres 15 ás 18.00 horas na ludoteca do Centro Veciñal e Cultural de Valladares.

Esta actriz, especializada en animación, vai ir creando unha historia coas palabras que lle vaia dando a rapazada presente ese día. Dese xeito, poderán considerarse coautores da narración que escoiten e sairán da sesión coa sensación de que na súa testa tamén poden xurdir contos bonitos.

O sábado ás 20.00 horas, xa no auditorio, a xornada será guiada polo polifacético Paco Barreiro, profesional da música, da dobraxe e do teatro, ademais de amante da roesía e dos xogos lingüísticos. De feito, recitará algúns textos da súa máis recente, "Beixos de lingua" (Edicións Xerais).

A sesión a abrirán "Dúas gamberras e un micro", dúo formado por Nuria Vi (Vil Vilana) e Vanessa Glemsel, que veñen dispostas a subvertir os recitais poéticos, demostrando que coas súas verbas incendiarias e coa súa posta en escea informal e divertida poden ser quen de lograr que o público sinta o pálpito da poesía simultaneamente no corazón, no intelecto e no bandullo.

A continuación, actuará Monoulious Dop, o grupo de rock galego con máis humor que se pode atopar actualmente sobre o esceario. No seu concerto, que asegura risas e música pegadiza con retrousos simpáticos, ofrecerán unha escolma dos seus millores temas en versión acústica.

A Valladares tamén está convidada a compañía compostelán de teatro improvisado TheMomento Impro, comandada polo versátil 'Cou'. Promotores dun interesante festival arredor dese territorio inmaterial na capital de Galicia, daralles ao público a posibilidade de gozar dos inverosímiles argumentos e situacións que se orixinan coas palabras escritas en papeis soltos sacados ao chou, os caprichos e ocorrencias dos asistentes e outras técnicas que proporán para poñer a proba a súa ilimitada imaxinación e todo o grande traballo actoral que hai detrás da facilidade coa que superan os retos prantexados.

Mostra internacional

O domingo 17, a partir das 18.00 horas, o Certame amosa a súa verdadeira idiosincrasia. O presentador desta edición será Luís 'O Caruncho', músico tradicional, incipiente poeta e regueifeiro xa recoñecido. Aparte del, en representación do canto ó improviso galego, chegará dende a comarca de Bergantiños, terra regueifeira por antonomasia, coa súa inconfundible tonada e coa lingua ben afiada, Lupe Blanco, bisneta do lendario Blanco de Muiñoseco, un dos históricos desta arte.

Dende as terras pementeiras e rosalianas de Herbón, chegará Pinto, agricultor, cantante e mestre regueifeiro, ao que escoltará o mellor e máis perigoso dos seus discípulos, o seu fillo Xairo, que reparte o seu tempo principalmente entre os estudos, o fútbol e os desafíos dialécticos co seu irmán pequeno que xa se lle quere subir as barbas.

Dende as terras lusitanas veñen a demostrar a fama que os precede os Cantores ao Desafío do área braguense, Naty Vieira e Borguinha de Braga. A ela coñécena como a Raínha das Cantadeiras e leva dende os 17 anos sen baixarse das alturas. El e un pouco máis inexperto, pero xa vai para dez anos que practica a Desgarrada.

Para completar esta panorámica repentista, os organizadores convidaron a partillar esta xornada a dúas cultivadoras da Poesía do Genil, que están chamadas a renovar esta antiquísima arte practicada nestas terras andaluzas a cabalo de tres provincias, Córdoba, Málaga e Granada. As xovencísimas Marta e Laura, ambas estudantes, proceden de Loja (Granada) e son discípulas do afamado cantor Gerardo Paez 'El Carpintero', un dos integrantes do mítico cuartets Los Poetas del Genil.

Como colofón o evento, agárdase que, como adoita a acontecer en todas as edicións, suban todos ao escenario a facer unha rolda de despedida conxunta.

No introito do acto, presentarase o libro "Metodoloxía didáctica do repente galego", de Marina Porto e Kike Estévez, promovido pola Asociación Oral de Galicia e publicado pola Deputación de Pontevedra co obxetivo de facilitar ó aprendizaxe desta manifestación artística da cultura popular.

Compartir el artículo

stats