Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Presentan "Ácido Folclórico", segundo título da colección "20 pezas para a gaita galega"

Impulsado por Ton e Son Editorial e ChisPún Estudios, este traballo recolle obras do gaiteiro XurxoJachía

Unha publicación periódica en formato monográfico sobre os gaiteiros galegos. Así se presenta a colección 20 pezas para a gaita galega, unha publicación de Ton e Son Editorial da que acaba de ver a luz o seu segundo número. Trátase de Ácido Folclórico, un traballo no que o gaiteiro Xurxo García -coñecido como XurxoJachía- e o seu grupo GaitaCia presentan un conxunto producido por esta editorial e gravado nas instalacións de ChisPún Estudios, na cidade viguesa.

Xa á venda en librerías e tendas especializadas de Vigo, Santiago de Compostela ou A Coruña e tamén a través da páxina web http://www.toneson.com/, o público atopará esta nova publicación en formato libro e CD, incluíndo transcricións das pezas para dúo de gaitas e solista, tal e como explicou o responsable de Ton e Son, o editor Rafa Crespo. Deste xeito, no CD ofrécese unha selección de 12 temas dos 20 que presenta o libro, gravados ao vivo por Rubén Troitiño, de ChisPún Estudios.

O feito de ser gravado en directo é un dos principais elementos que destaca o autor destas pezas, Xurxo García. Con 35 anos de dedicación á música -comezou cando só contaba 8 anos-, este gaiteiro móstrase moi satisfeito co resultado deste proxecto. "Hai erros que non quixemos arranxar, a música non pode ser perfecta polo que non hai arranxos notables", sinalou en referencia ao feito de que se trata dun traballo de carácter natural e no que o ouvinte poderá ter a sensación de atoparse practicamente ante unha actuación en directo.

Con máis de tres décadas de experiencia musical ás súas costas, García podería definirse tamén como un "gaiteiro youtuber", pois o seu perfil nesta plataforma social conta con preto de dous millóns de visitas. Explica este músico que chegou a esta rede social por casualidade, tratanto de facilitar as aulas que viña impartindo -sempre presenciais- ao maior número posible de alumnos. As novas tecnoloxías impulsaron este proceso e hoxe conta con seguidores repartidos por medio mundo.

Ácido Folclórico súmase así a unha colección iniciada o ano pasado por Tradicionalmente, un proxecto no que o tamén gaiteiro Carlos Estévez presenta outro conxunto de 20 pezas para gaita galega. Trátase duns títulos compostos e gravados polo propio gaiteiro vigués e no que participaron, ademais, Ton e Son Editorial e ChisPún Estudios. Tamén en formato libro e CD, ofrécese neste último soporte unha selección de 12 temas dos 20 que presenta o libro, gravados integramente por Carlos Estévez.

Compartir el artículo

stats