18 de mayo de 2018
18.05.2018
DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Día das Letras Galegas | A foránea que impulsou un idioma "problemático"

- A Real Academia ensalza a labor da estremeña de berce coma muller, docente e comprometida coa lingua - Para Feijóo, Moreno demostra que o galego é un "idioma incluínte no que vivir en liberdade"

18.05.2018 | 08:05
Galicia homenaxea a María Victoria Moreno. // R. Vázquez

Houbo quen se sumou á maioría e o rexeitou. Pero tamén existiu xente nada no seo do galego que non o rexeitou nunca e loitou co obxecto de que non esmorecese nun tempo no que o pensamento único da Ditadura era o que imperaba. Sen embargo, ningunha desas dúas opcións foi a que marcou a vida de María Victoria Moreno, unha estremeña nada en 1939, que se criou en Segovia pero que quixo ser filla de Breogán.

Onte, no Día das Letras Galegas, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e moitas outras institucións, así coma a sociedade no seu conxunto, rendiron unha sentida homenaxe á figura desta docente que se adicou a escribir literatura infatil e xuvenil, ensaio e poesía nunha lingua, o galego, que non era de berce pero que abrazou con toda a súa alma desde mediados dos anos 60 ata o momento da súa morte (2005), nunha Pontevedra onde formou a súa familia. Deixou para a historia obras coma Mar Adiante (1973), O Cataventos (1979), A festa no faiado (1983), Diario da luz e a sombra (2004) ou a xa póstuma Elexías de luz (2006).

O Torrente Ballester albergou o primeiro dos actos do día do idioma. O centro foi o derradeiro destino de Moreno e o actual persoal docente e o alumnado traballaron arreo desde hai meses para ofrecer un evento á altura da figura. A biblioteca homómina, engalanada para a visita da familia e das autoridades, marcou o prólogo dun acto con protagonismo para a música de Emilio Rúa e Rosa Cedrón.

Aínda que sen dúbida, a intervención máis especial foi a de Victoria Moreno Feijóo, neta da escritora desaparecida. A pequena recitou con atino e sentimento o poema "Cantiga", acompañada musicalmente polo seu parente Adrián Torres. Á rapaza foron adicados os aplausos máis intensos e mesmo o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, fixo mención a ela. O líder do goberno galego comenzou a súa intervención con humor, asegurando que "se amosou que hai Feijóos bos".

O político tamén finalizou as súas verbas lembrando que María Victoria Moreno "confesou que o seu corazón florecera nestas aulas e agora a lingua que tanto amou florece nesta Galicia unida e sen fracturas. Se a autora tivera que escoller unha flor, esa sería sen dúbida a súa neta, Victoria".

Máis aló das palabras sobre a familia da escritora, Feijóo destacou que resulta evidente que "Galicia esténdese máis alá das súas fronteiras convencionais" porque a pegada do galego "está presente en moitas culturas" e o idioma "é quen de namorar os que non o tiveron como lingua nai". "María Victoria Moreno é a pomba dourada de Cunqueiro que se namora das nosas palabras, que descobre nelas un mundo fermoso no que queda a vivie, regalándolle o mellor de si", destacou Feijóo.

Para o presidente, "a historia de amor que protagoniza María Victoria Moreno é posible por ser o galego un idioma incluínte no que se pode vivir en liberdade". Unha lingua que "ten futuro, que poden usar os máis novos sen complexos porque ademais é útil, xa que conecta coa Lusofonía".

Feijóo lembrou que María Victoria Moreno, "unha seducida polo fervedoiro cultura que é Pontevedra", dixo que "as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos". "Precisamente a plena recuperación da lingua é un proxecto fermoso", engadiu.

Mentres, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, recalcou que Moreno representa "o papel dos profes entregados na formación de homes e mulleres que pensen por si mesmos". "Tivo que ver alguen de fóra a darnos este exemplo", especificou Freixanes, que citou unhas verbas da autora, que dicía que "á clase hai que ir guapos e alegres". "É moi importante, xa que nas aulas se debe transmitir paixón, alegría, beleza e capacidade de seducir como xeito de construir futuro", reflexionou.

Xa no Teatro Principal, na sesión pública da Real Academia Galega (aberta e pechada coa música de Os de Algures), Freixanes sinalou que Moreno é a cuarta muller en ser homenaxeada no Día das Letras Galegas aínda que "serán moitas máis". O presidente da RAG destacou que Moreno se comprometeu co galego, o que pode ser "mérito dela ou tamén dun país capaz de seducir e incorporar voces".



Fina Casalderrey - Académica

"Era un vento da terra, adquiriu a nacionalidade por vontade"

A pontevedresa, Fina Casalderrey, amiga persoal da homenaxeada, calificou a Moreno coma "un vento da terra no sentir e no vivir, era versátil, á vez furacán e brisa". Casalderrey ofreceu un discurso con constantes referencias ó seu amor por Pontevedra e xogando con título da primeira novela de Moreno, "Onde o aire non era brisa". Para a académica, María Victoria "adquiriu por vontade propia a nacionalidade galega con ese compoñente consubstancial a todas as historias de amor, maior sen dúbida por se tratar de tempos nos que o vento non era precisamente brisa", en relación ao franquismo e ás dificultades para emplear o galego na ámbito público.






Marilar Aleixandre - Académica

"Escribía en vez de durmir: non abadonou o coidado dos seus"

A académica Marilar Aleixandre ofreceu unha locución máis centerada na figura de María Victoria Moreno como muller. Para Aleixandre, os escritos de Moreno revelan "o modo en que ela, como moitas mulleres antes e aínda agora, se viu obrigada a escoller entre pasar o ferro e escribir, a deixar de escribir por pasar o ferro". A académica lembrou como Moreno tivo unha "intensa dedicación a coidar dos seus" e aínda así logrou ter unha obra moi prolífica: "O despacho era para seu home e ela tiña que aproveitar as madrugadas para escribir". Por todo iso, "logrou contribuir a desarmar estereotipos" sempre subordinada ao resto da familia.






Xesús Alonso Montero - Académico

"Sendo de fóra, fixo ver que había que asumir o galego con honra"

O académico Xesús Alonso Montero, un dos primeiros amigos de María Victoria Moreno en Galicia (coincidiron no Instituto Masculino de Lugo). Alonso lembrou esa primeira etapa da autora como docente, que "engaiolou os seus alumnos desde o primeiro día co seu castelán coidado". "Era unha docente entusiasta e entregada", recalcou o tamén profesor Xesús Alonso, que explicou que "uns catro meses despois da súa chegada, María Victoria, xa de cheo na causa da galeguidade, dialoga cos alumnos para aprender voces e formas do seus idioma e para facerlles ver que ese idioma deberían asumilo con dignidade e sentimento de honra".


Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine