O editor Manuel Bragado lembrou onte no Club FARO un dos momentos máis emotivos do proceso de edición de "Diario da luz e a sombra", o texto autobiográfico que María Victoria Moreno publicaría en Xerais en 2004 e onde relatou a súa experiencia como enferma de cancro. "Reflexionaba sobre como unha doenza, por grave que fose, non muda a personalidade de ninguén, se non que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén", expresou Bragado. Ao mesmo tempo, valorou ese relato como "un dos textos máis conmovedores da prosa biográfica galega". El e os biógrafos Senín e Soto recomendaron aos lectores "revisitalo".

Tamén, coa axuda de Senín, abrollou outra anécdota. Na presentación da obra en Pontevedra, convocada para as 20.00 horas "ninguén se decataría que so unhas horas antes, ás 17.00 horas, un médico viña de dicirlle que tiña metástase e poñer data de fin á súa doenza; que viña de recibir un gran mazazo", explicou o biógrafo sobre a súa personalidade vital.

Sobre o contexto vital no que traballou Moreno, Isabel Soto pediu unha reflexión xa que, aínda hoxe, a lingua galega "dista moito de estar normalizada".

Tamén Bragado fixo alusión ao difícil período tardofranquista, no que María Victoria afondou no compromiso co proxecto de defensa social do galego e coa causa de alfabetizar aos galegos na súa lingua propia. Entre 1971 e 1975 esta profesora extragalega impartiu de maneira gratuíta cursos de galego en diversas sociedades culturais, como Amigos da Cultura de Pontevedra ou Ateneo de Ourense, o que lle supuxo en 1973 a apertura dunha ficha policial e a retirada do pasaporte. Por iso, Bragado aludiu a que quizais o recoñecemento que nunca recibiu en vida, se compense hoxe coa celebración no seu nome do Día das Letras.