17 de mayo de 2018
17.05.2018

CLUB FARO | Soto: "María Victoria Moreno foi pioneira na creación da literatura infantil e xuvenil"

Senín: "Cando chegou aquí namorouse da paisaxe, do clima feito a medida do seu carácter e das súas xentes, e foi consecuente" - Bragado: "Tivo un galeguismo de adscrición"

17.05.2018 | 08:12
O editor Manuel Bragado (centro) cos biógrafos de MªVictoria Moreno, Xavier Senín e Isabel Soto.// J. Lores

Unha pioneira, precursora da Literatura infantil e xuvenil en galego, que escolleu que a súa patria fora Galicia e fixo do ensino -e do uso- do galego un dos piares da súa vida. O retrato que onte debuxaron da escritora e docente María Victoria Moreno tres estudosos da súa obra, biógrafos e amigos; o editor Manuel Bragado, a filóloga e tradutora Isabel Soto e o catedrático de francés Xavier Senín, amosou a unha muller políglota, culta e comprometida cunha difícil causa desde que chegou a Galicia nos anos sesenta: a defensa da lingua que usaba so unha parte da sociedade. O Club FARO puxo a mirada sobre "a escritora galega sementadora de futuro" á que hoxe se adica o Día das Letras Galegas.

Unha muller de conviccións sociais emanadas do catolicismo de base -de nova deu clases gratis de francés en Madrid a persoas desfavorecidas e, de adulta, acolleu na súa casa en Pontevedra a unha exalumna con adicións, segundo os biógrafos- e que adoptaría a dous fillos, unha nena e un neno, e compartiría a vida cun marido invidente e tamén rodeada de cans, dos que chegou a festexar os aniversarios.

"Tivo un papel fundamental na creación da literatura infantil e xuvenil en galego, porque ela foi unha escritora pioneira nese eido", asegurou a biógrafa e doutora en filoloxía galega e portuguesa, tradutora, crítica literaria, investigadora e divulgadora Isabel Soto. "Foi un compromiso que ela adoptou", asegurou. "Soto é, sen dúbida unha das persoas que con máis continuidade ten afondado na obra literaria de María Victoria Moreno", presentouna o editor Manuel Bragado.

"María Victoria Moreno foi cidadá galega porque quixo, porque escolleu o galego de forma consciente para instalarse na súa vida cotiá", asegurou Bragado, que cualificou a súa opción como "escritora autófona galega, cun galeguismo de adscrición" e coincidiu na súa tarefa de fundadora dunha "obra pioneira e referencial no eido da literatura infantil e xuvenil". Amoláballe ser considerada "unha autora estremeña que escribía en galego", asegurou Bragado que lle confesara nunha ocasión Moreno.

A súa relación con Galicia e a súa opción pola súa lingua foi "simplemente unha historia de amor". Demostrouno o catedrático de francés e tradutor da autora, Xavier Senín na biografía "María Victoria More no. Sementadora de futuro" (Xerais 2018)" -que asina xunto con Isabel Soto-. Senín fixo un meticuloso repaso biográfico dende o seu "azaroso" orixe extremeño (foi filla dunha mestra malagueña que tiña o home, militar de Toledo, na fronte de guerra, e foi dar a luz na casa do seu irmán), ata os seus últimos escritos, marcados polo cancro do que fora diagnosticada. "Unha mañá bretemosa de agosto de 1963 na que chegou a estación de Redondela para despois descubrir en Pontevedra, unha cidade que lle pareceu fermosa, onde alugou un ático orientado ao solpor, todo o que podía desexar: xentes acolledoras, paisaxes marabillosas, un clima feito a medida do meu carácter e tantas cousas máis", indicou o biógrafo Senín; "tan pronto chegou aquí, namorouse e foi consecuente".

Xavier Senín avanzou que dous dos seus irmáns estarán hoxe en Pontevedra na súa honra.

Despois de casar con José Luis Llacer, o matrimonio se instalaría en Pontevedra onde o seu home é destinado como profesor do colexio da actual ONCE. A partir de 1965, cando coñeceu a Xesús Alonso Montero como profesora do Instituto Masculino de Lugo, fixo unha rápida inmersión no galego.

De Moreno, Soto destacou que concorreu aos primeiros concursos de contos convocados pola agrupación Cultural "O Facho" e publicou en 1973 en Ediciós do Castro "Mar adiante Historia de nenos para nenos". "Preséntanos un estilo que vai levar no resto da súa traxectoria", valorou Isabel Soto. O mesmo ano no que abriría en Pontevedra con nove socios -que logo abandoarían o negocio, deixando as débedas, indica Senín-, a mítica Librería Xuntanza, que duraría so tres anos. Dende 1967 desenvolveu no Instituto Feminino de Pontevedra como profesora de Lingua e Literatura Española o seu amor vocacional polo ensino. Un compromiso que a partir da década de 1970 levaríaa a impartir algúns dos primeiros cursos de galego, ditando conferencias e editando a antoloxía "Os novísimos da poesía galega" (1973). Isabel Soto repararía logo noutras obras de Moreno como "O cataventos" e "A festa no faiado", para subliñar que ata ese momento "non existían obras que lle falaran aos adolescentes" e situouna como creadora dunha literatura que incorporaría por primeira vez temas como as drogas. "Anagnórise" situaríaa en 1989 como unha das autoras máis lidas polos mozos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine