O Salón Nobre do Pazo de Fonseca acolleu o acto institucional extraordinario que a Universidade de Santiago (USC) rendeu á autora homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas, María Vitoria Moreno. Presentou un volume elaborado polo Departamento de Filoloxía Galega e editado polo Servizo de Publicacións da USC. Nesta ocasión, "María Victoria Moreno. Nun lugar de Galicia", que estivo coordinado pola profesora Blanca Roig Rechou.

O evento literario estivo presidido polo reitor Juan Viaño, que destacou que a escritora extremeña "revélase como unha muller ousada e coherente, que non dubida en incluír no seu libro algúns textos de poesía social e política, cuxo contido ela ben sabía que podía ser polémico ou ata obxecto da censura". Logo da presentación a cargo da profesora Roig, un grupo de estudantes da USC leu poemas, mentres que o catedrático xubilado do Departamento de Filoloxía Galega e membro da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pronunciou a conferencia '"A proeza cívica e literaria de María Victoria Moreno", no que citou un fragmento escrito por ela: "Si estou coa xente que amasa o pan e máis colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar como eles, falar a sua fala". Alonso Montero puxo especial énfase no compromiso da escritora coa lingua: "Ela vai ser defensora, apoloxista, reivindicadora e profesora", aseverou.