Nin un Día das Letras Galegas sen manifestación reivindicativa polas rúas de Santiago de Compostela, sen solemnes actos institucionais na honra do homenaxeado de cada ano e sen listaxes de palabras fermosas en galego.

Non seremos menos: aquí vai unha pequena escolma con cinco exemplos da marabillosa riqueza do idioma que utilizan os nosos mariñeiros. Palabras que, ben pola súa especificidade, ben porque están a caer en desuso -polo declive da actividade pesqueira ou pola substitución tecnolóxica-, non son tan coñecidas.

Armeiro:

"Conxunto de peixes dunha mesma especie que se desprazan xuntos, especialmente de sardiñas". Nalgunhas zonas emprégase a variante "almeiro", pero a RAG só recolle como correcta a forma con erre.

Axexo:

"Tempo de pesca que vai desde o solpor ata que se fai noite", recolle a Real Academia Galega (RAG). Os mariñeiros saben que no axexo -tamén no amencer, depende das especies- os peixes pican máis, así que convén estar a tempo no caladoiro cos aparellos preparados.

Escandallo:

"Instrumento que consta dun chumbo suxeito ao extremo dunha corda que se emprega para sondar a profundidade do mar ou dun río". Un deses aparellos que vai quedando en desuso pola popularización do sonar. A súa relevancia era esencial. Nada máis fondear o primeiro que se facía era botar o escandallo: cómpre saber canta é a profundidade e sobre que tipo de fondo está a embarcación -se é sobre area quedan restos no chumbo-, posto que iso vai determinar as especies que hai.

Maraxe:

"Brisa suave do mar" ou "axitación suave das ondas do mar, propia dos días de moita calor e de bochorno". O ideal para unha agradable xornada de pesca.

Poutada:

"Aparello formado por dous paus en forma de cruz cunha pedra grande no centro, que se emprega para fondear pequenas embarcacións". Imprescindible para fondear no medio da ría e agardar a que piquen as luras ou os chocos.