Televisión de Galicia (TVG) estrea esta noite a película para televisión Contou Rosalía, a primeira ficción sobre a vida de Rosalía de Castro, coa que se pretende ofrecerlle ao público televisivo unha nova ollada sobre quen segue a ser un mito, un dos símbolos de Galicia máis vivos no imaxinario colectivo.

Ambientada no Madrid de mediados do século XIX, a propia Rosalía contará como foi a súa vida social, como viviu a súa paixón de escritora e o seu reencontro co historiador Manuel Murguía.

Á capital de España chega a duquesa da Gloria. Por asuntos de familia, tamén está na cidade a escritora feminista Rosalía de Castro, que se dedica a facer vida social e a escribir. Madrid convértese nun fervedoiro de ruxerruxes políticos e é testemuña do reencontro entre Rosalía e Murguía.

Dirixida por Zaza Ceballos, "Contou Rosalía" ten un equipo técnico principalmente galego e un elenco encabezado por Melania Cruz, interpretando unha Rosalía apaixonada e namorada, e por Fran Lareu, como Manuel Murguía, un personaxe de gran forza e carisma. No elenco interveñen tamén Ledicia Sola, Alejandro Jato, César Cambeiro, Josito Porto, Tamara Canosa, Pepo Suevos, David Perdomo e Celso Parada, entre outros.