A Xunta de Galicia impulsa a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da UNESCO entre os máis pequenos cunha actividade de lecer ao aire libre da man dos seus personaxes preferidos, os Bolechas, que son un referente tanto de dinamización lingüística coma de literatura infantil de éxito.

Máis dun centro de alumnos de centros de ensino de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo participaron onte nunha xornada lúdica nas Cíes, con actividades relacionados co deporte e o medio ambiente. Ademais de coñecer a nova guía "Os Bolechas van ás Illas Atlánticas", os nenos convertéronse en exploradores por un día, con actividades, xogos, e retos que lles permiten coñecer máis de preto a riqueza da flora e fauna que alberga este arquipélago que -xunto con Ons, Sálvora e Cortegada- forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, desprazouse á illa para compartir esta xornada cun triplo motivo que é a celebración do Día do Libro, a promoción da candidatura a Patrimonio da Humanidade e a celebración do Ano europeo do Patrimonio Cultural que este mesmo mes de abril a Xunta dedica precisamente a este Parque Nacional.

Román Rodríguez subliñou a importancia de actividades coma esta para fomentar entre os máis novos o coñecemento da riqueza cultural, paisaxística e medioambiental que os rodea; e a necesidade de coidala e preservala para as xeracións vindeiras. En palabras do conselleiro, "é fundamental a implicación do conxunto da sociedade, pero moi especialmente das novas xeracións, na defensa e revitalización dos tesouros que herdamos dos nosos antepasados, sexan paisaxe, medio natural, arquitectura, festas, ou a propia lingua".

O responsable de Cultura do Goberno galego fixo fincapé tamén no traballo serio e rigoroso que se está levando a cabo desde a Xunta de Galicia en colaboración con outras institucións para acadar que a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas sexa declarada Patrimonio Mundial. Lembrou que, coa inclusión da candidatura o pasado febreiro na lista indicativa da UNESCO, deuse un paso fundamental para avanzar neste recoñecemento xa que se trata dun requisito indispensable para que se faga realidade.

Ademais dos nenos e dos monitores que participan na xornada lúdica, na súa visita ás Cíes, Román Rodríguez estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e de representantes municipais de concellos aos que pertence o Parque.