Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un Día do Libro "en precario"

Libreros e editores festexan a acollida da xente nun momento moi crítico para o sector

A celebración do Día do Libro convertiuse nun balón de oxíxeno para o sector editorial e para as librarías de Galicia. Nun momento no que o Informe sobre datos da edición en Galicia 2006-2016, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, confirmou retroceso do sector, os seus representantes festexan este 23 de abril.

Nos dez anos analizados polo informe a caída no número de libros editados en galego foi do 52%. Reduciuse o número de editoriais, as tiraxes, as axudas institucionais e tamén o gasto realizado polos consumidores, que sitúa aos galegos na cola do Estado.

"Non aumentan os lectores, Galicia está na cola dos índices de lectura do país", sinala Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editores. "Hai que desenvolver a Lei do Libro, fai falta un plan estratéxico do sector e un de fomento da lectura, e unha subdirección xeral do libro na Consellería", explica o editor de Kalandraka, quen, a pesar dos datos, móstrase optimista.

"Creo que hai un desaxuste enorme entre a vitalidade da nosa literatura, e a creatividade e profesionalidade do noso sistema editorial, e o que son as cifras", di o director da editorial Galaxia, Francisco Castro. "A Xunta ten que tomar conciencia da gravidade da situación porque perdemos falantes de galego e malamente podemos ter un sector editorial en galego sen galegofalantes. Agora máis que nunca temos que esixir políticas culturais efectivas", afirma desde a festa do Sant Jordi barcelonés.

Fran Alonso, director xeral de Edicións Xerais de Galicia, critica que se retirase o apoio ao sector do libro nun momento no que se aplican políticas de rescate noutras industrias. "Está claro que o ámbito da lectura está mellorando e hai razóns para ser optimistas pero hai outras para ser moi pesimistas. O escaso apoio á lingua galega fai que os índices de lectura aumenten en castelán, pero que o crecemento en galego sexa moi discreto ou se manteña. Isto é preocupante, e para o sector é un problema serio. Vivimos un momento no que hai unha creatividade moi grande e unha explosión literaria forte, na Literatura Infantil e Xuvenil é moi evidente, pero logo cando os rapaces medran non teñen esa conciencia de seguir lendo en galego porque non hai un recoñecemento social da lingua", sostén Alonso.

"O día do libro debería ser todo o ano. Ademais do desconto hoxe agasallamos caraveis", conta Gonzalo Pérez, da libraría Cartabón. "Quereríamos vender máis pero o problema é que de todo o que se publica véndense entre un 15 e un 20 por cento dos títulos, os demais son un pouco como de recheo. E iso é unha situación un pouco triste para as librarías pequenas e independentes como a nosa", engade o libreiro vigués.

A presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, resumiu que o día foi "moi bo" para o sector e recordou que esta data sempre lles funcionou ben. "Houbo moito movemento, achegámonos a cifras da campaña de Nadal", asegura o vogal da Federación en Vigo, Xurxo Patiño, de Librouro.

"Desgraciadamente para todos, non se venderon moitos libros en galego. Hai que ter en conta que este é un día puntual", sinala Rodríguez. "Estamos nun equilibrio precario, temos unha competencia moi variada e o problema de que a xente perdeu a conexión co comercio tradicional de barrio e fai máis compras por internet", di Patiño.

Fran Alonso - Director Edicións Xerais

"O escaso apoio á lingua galega fai que os índices de lectura medren en castelán"

Francisco Castro - Director Editorial Galaxia

"Agora máis que nunca temos que esixir políticas culturais efectivas"

Xosé Ballesteros - Presidente Editores Galegos

"Non aumentan os lectores, Galicia está na cola dos índices de lectura de España"

Xurxo Patiño - Vogal federación librarías

"Houbo moito movemento, achegámonos a cifras da campaña de Nadal"

Gonzalo Pérez - Libraría Cartabón

"O problema é que de todo o que se publica, véndense entre un 15 e un 20% dos títulos"

Pilar Rodríguez - Presidenta Fed. librarías

"Desgraciadamente para todos, non se venderon moitos libros en galego"

Compartir el artículo

stats