Xosé Luis Méndez Ferrín foi onte o protagonista dunha lectura poética organizada na Biblioteca América da Universidade de Santiago (USC), no edificio histórico do centro en Fonseca. Un recital que mesturou novas voces poéticas con outras xa consolidadas.

Esta é a terceira edición das Lecturas Poéticas en Fonseca organizadas pola poeta María do Cebreiro como vicedecana da Facultade de Filoloxía da USC, que tamén conduciu o acto.

"Son lecturas cun fío condutor. O ano pasado fixéramoslle unha homenaxe a Fran Cortegoso, que ademais fora alumno da nosa facultade, e o primeiro ano o tema era a primavera. Entón este ano rendímoslle tributo á obra de Méndez Ferrrín a través dunha representación dun convite interxeracional porque reúne tanto a poetas consagrados con poetas que están agora mesmo debutando; de feito uns dos poetas que van recitar son da canteira do Certame Universitario Mazarelos, que tamén convocamos en Filoloxía, e aínda están comezando pese a que teñen unha carreira prometedora. O que nos gusta é que, dalgunha maneira, se vaian tomando o relevo as voces máis consagradas coas máis novas", sinala María do Cebreiro.

No recital participaron poetas veteranos como Xavier Cordal, Chus Pato e Daniel Salgado. E outros máis novos, que foron Arancha Nogueira e Jorge Rodríguez Durán, representantes dunha nova xeración de creadores. Todos eles leron composicións propias e mais do homenaxeado Ferrín.

O escritor e colaborador de FARO fixo un discurso ao final do acto n que lle pediran que reflexionase sobre a iniciación á poesía nos seus anos de universidade, precisamente porque buscaban que o acto servise tamén para alentar á xente que está agora empezando a escribir poesía.

Os profesores da Facultade de Filoloxía Xosé Manuel Salgado e Francisco Fernández Rei encargáronse de comentar a obra de Ferrín. Salgado contextualizouna e Rei encargouse das palabras de peche da lectura que acadou todo un éxito de convocatoria.