O Pergamiño Vindel xa está de volta ao outro lado do Atlántico, na Morgan Library de Nova York, despois de permanecer durante seis meses en Vigo, á beira do mar na que Martín Codax seguramente escribiu as sete cantigas de amigo reproducidas neste manuscrito do s. XIII.

Co gallo do Día do Libro, a Real Academia Galega volve deterse nesta obra central da nosa literatura medieval cunha mostra das pezas máis significativas arredor dela que custodia a biblioteca da institución.

Entre elas poderán verse, do 23 de abril ao 4 de maio, o artigo na revista Arte Español do libreiro que lle deu nome, Pedro Vindel, no que anunciaba, en febreiro de 1914, a súa descuberta e un dos escasísimos exemplares do libriño que publicou un ano despois de atopalo por casualidade, que inclúe unha edición facsimilar deste tesouro.

Esta copia foi a que empregou o académico Eladio Oviedo y Arce para o seu estudo sobre o pergamiño, outra publicación singular que tamén forma parte da mostra.

"Un feliz descubrimiento acaba de hacerse, que aporta nuevos datos, y que es de importancia suma para la historia de la música y los cantos y bailes populares en España (...). Se trata de un pergamino del siglo XIII que contiene siete Canciones o Cantigas de Amor. Esta vitela, que es una maravillosa joya musical, la hemos hallado sirviendo de forro a un Códice del siglo XIV", escribía Pedro Vindel na introdución do libriño que acompañou de nove fotogravados do pergamiño que pasaría á historia co seu apelido.

Desta primeira edición do documento, realizada en Madrid, tiráronse moi poucos exemplares para distribución privada e só dez se puxeron á venda ao prezo de 25 pesetas, indícase na propia obra.